De Xapón a Terranova en Redondela

Os veciños de Chapela poden chegar e visitar o Xapón (na imaxe), Terranova ou mesmo á rexión italiana de Lombardía.
photo_camera Os veciños de Chapela poden chegar e visitar o Xapón (na imaxe), Terranova ou mesmo á rexión italiana de Lombardía.
Grazas a riqueza da sua toponimia podes chegar a case todos os lugares do mundo dando un paseo polo municipio

Redondela é un municipio desde o que se pode visitar o estranxeiro. Esta afirmación, de primeiras, pode resultar estraña pero non é falsa. Aquel que decida darse unha volta por Chapela pode acabar sen darse conta en Xapón, Lombardía ou Terranova. Incluso os veciños de Cedeira poden ir a O Cairo en tan só uns minutos mentres que en Quintela teñen o seu propio  Gugurugú. 

Aínda que isto poida soar a fantasía non é máis que a microtoponimia de Redondela, unha forma de recompilar a cultura e historia do municipio en base aos nomes deses lugares que, talvez, non son tan coñecidos. “O traballo forma parte da recollida de campo feita pola cooperativa Trespés e o estudo foi realizado por María Pol e Gonzalo Navaza”, explicou Xurxo Martínez, técnico responsable do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela. Grazas ao traballo realizado desde o Concello todo este saber recompilouse nunha serie de libros que se publicaron e que foron presentados nas diferentes parroquias do municipio.

Neses libros podemos atopar a explicación ao por que deses nomes. No caso do barrio Xapón, en Chapela, débese a que o propietario dos terreos desa zona tivese un mote que o identificase co país nipón ou, mesmo, que un mariñeiro desa zona chegará ata o país asiático. Mentres tanto o caso de Lombardía corresponderíase cunha persoa que chegou desde a rexión italiana. Con todo, Terranova non tería nada que ver con Canadá, senón coa transformación de “A terra nova”.

En Cedeira o caso máis rechamante é o de O Cairo, onde mesmo hai unha propiedade privada con ese nome. Unha vez máis, desde os libros publicados polo Servizo do Normalización Lingüística explican que este topónimo non ten nada que ver coa capital exipcia senón que sería unha coincidencia que se corresponde coa forma do terreo, que sería similar a un cairo. 

O Cairo, en Cedeira, é un dos topónimos máis rechamantes ata o punto de existir unha casa co mesmo nome.
O Cairo, en Cedeira, é un dos topónimos máis rechamantes ata o punto de existir unha casa co mesmo nome.

Con todo, un dos casos máis especiais é o topónimo Gugurugú, na parroquia de Quintela. Desde o Concello considera que pode ter relación co monte Gurugú, en Marrocos, por mor da guerra co país africano aínda que a posibilidade máis realista é que teña que ver co canto dun paxaro.

Te puede interesar