O talento redondelano brilla no OUFF-Ourense Film Festival

Cine

Teresa Soto, veciña de Cesantes, conseguiu o segundo posto na categoría Fas Muvis do certame de cine coa sua curta “A que garda sempre ten”, con tan só 21 anos

L. Nogueira
Publicado: 08 dic 2024 - 05:00
Teresa Soto (esquerda) xunto a Marcela Villaverde (dereita) durante a gravación de “A que garda sempre ten”.
Teresa Soto (esquerda) xunto a Marcela Villaverde (dereita) durante a gravación de “A que garda sempre ten”.

A redondelana Teresa Soto conseguiu o segundo posto na categoría Fas Muvis, do OUFF-Ourense Film Festival, coa curta “A que garda sempre ten”, con tan só 21 anos. Soto, que exerceu como produtora e directora, atópase a piques de finalizar os seus estudos de Comunicación Audiovisual cun proxecto audiovisual, en formato de serie, sobre a movida viguesa dos anos 80.

Soto alzouse co segundo posto no festival de cine coa súa compañeira Marcela Villaverde, codirectora, con “A que garda sempre ten”, unha curta que gravaron en 48 horas. “As miñas compañeiras, Paula e Marcela, crían que iamos gañar, pero eu estaba cos pés na terra, sendo precavida”, comenta Soto, engadindo que o anuncio da prata “foi un shock” porque “nunca pensas que estarás aí”.

“Desde que che avisan desde o festival ata a gravación hai dúas semanas. Foron un caos porque tiñamos que coordinar un plan de rodaxe, os espazos, o diñeiro e onde tiñamos que durmir. Cada día iamos tentando salvar todo punto a punto”, comenta Soto sobre o proceso de gravar a curta.

Sobre a motivación de participar no certame, Soto afirma que o fixo “pola oportunidade de facer unha boa peza”. “A axuda económica dáche medios para producir, e máis se estás a empezar. Tamén queriamos unha curta para ensinar profesionalmente e vimos que esta era nosa oportunidade porque nos permitía movernos, gravar e contabamos con máis axuda, xa que roducir sendo ‘precario’ é moi complexo”, explica a redondelana.

“A que garda sempre ten” é unha curta que narra a historia de tres mulleres, de entre 60 e 68 anos, que sofren a perda dunha amiga que deixa como deberes unha lista de cousas para facer antes de morrer, “cousas de adolescentes, como pintar graffitis”, comenta Soto. Ademais, a curta tamén ten o seu punto reivindicativo. “É unha forma de poñer en valor o papel da muller maior no cinema e ubicar o punto crave da historia nese grupo de idade”, sinala.

Agora, tras conseguir o segundo posto no certame, Soto valora, xunto á codirectora Marcela Villaverde, destinar a designación do premio para mover a curta nun circuíto de festivais. Ademais, a redondelana atópase agora co seu Traballo de Fin de Grao (TFG), unha miniserie sobre a movida viguesa dos anos 80 que “está no aire” ao necesitar un orzamento elevado para a súa realización.

Contenido patrocinado

stats