Redondela di ‘non’ a Louredo e Soutomaior ‘si’ ao ecoparque

Cara e cruz nos dous concellos veciños sobre dúas actuacións previstas para o desenrolo de solo empresarial

Límites do futuro ecoparque empresarial de Soutomaior, que o seu alcalde apoia.
Límites do futuro ecoparque empresarial de Soutomaior, que o seu alcalde apoia.

O goberno local de Redondela non quere o parque empresarial de Louredo, entre Redondela e Mos, previsto pola Xunta. Así o dixo a alcaldesa, Digna Rivas a representantes veciñais de Vilar nunha xuntanza á que asistiu tamén o equipo técnico que elaborou as alegacións. “Está próximo a núcleos de poboación e pode ter un impacto negativo tanto no medio ambiente como na paisaxe e no patrimonio do territorio”, dixo Digna Rivas. Súmase así ás alegacións presentadas polos colectivos da parroquia de Vilar, asociacións que lembran á veciñanza que hoxe remata o prazo de exposición pública e animan a calquera particular ou colectivo a sumarse a estas demandas. O Concello de Redondela, tal e como xa fixera no ano 2022, vén de presentar varias alegacións contra o polígono industrial de Louredo (Redondela-Mos) proxectado pola Xunta e que afecta a terreos da parroquia de Vilar de Infesta. A alcaldesa subliña que dende o goberno solicitaron un informe técnico para presentar as alegacións correspondente.

Neste informe técnico sinálase que o Documento de análise e Avaliación ambiental do polígono “non tivo en conta os condicionantes en materia de protección de leitos de auga existentes na zona, nin de protección de patrimonio cultural e etnográfico”. Engade o Concello nas súas alegacións que o planeamento para o futuro polígono “debe protexer a biodiversidade e incluír accións de mellora do medio rural e natural”. Os prexuízos para o patrimonio de Vilar son motivo tamén de alegacións contra este polígono industrial, pola proximidade do xacemento Mámoa dos Valos e por coincidir cun tramo do trazado do Camiño de Santiago que pasa pola parroquia.

Alegacións que se suman ás tamén presentadas polas asociacións desta parroquia quen insisten que o o parque industrial de Louredo, que contempla a ocupación dunha superficie de 400.000 metros cadrados, principalmente no concello de Mos pero con afeccións tamén en Redondela, “carece de interese público” e que, pola contra, terá un importante impacto pola proximidade aos núcleos de poboación.

Pola súa banda, o goberno de Soutomaior manterá unha reunión na Casa do Concello cos propietarios das parcelas da zona da Montesiña na que ten previsto construír un ecoparque empresarial. Con este ambicioso proxecto Soutomaior contará cun potente foco de atracción de empresas, o que a súa vez axudará ao desenvolvemento económico de toda a zona. Na reunión estará presente o arquitecto e urbanista vigués Xabier Rivas, encargado de redactar o proxecto deste ecoparque empresarial. Tamén se contempla unha grande zona verde, dotando ao ecoparque dun carácter moderno e traballado con espazos de lecer. Un Ecoparque que está pensado para PEMES vencelladas co sector secundario ou comercial. Non suporá un incremento substancial do tráfico pesado e contribuirá a vertebrar o concello a través dunha zona urbanizada. O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “estamos a proxectar unha ampla área comercial e empresarial que suporá un antes e un despois en Soutomaior.

Contenido patrocinado

stats