O orzamento de Soutomaior supera os cinco millóns de euros

O goberno local leva meses mantendo reunións coa veciñanza.
photo_camera O goberno local leva meses mantendo reunións coa veciñanza.

Prodúcense importantes subas en todas ás áreas agás na relacionada cos gastos de goberno, que disminúe

O goberno de Soutomaior aproba hoxe o seu “Orzamento24” de cara ao ano que vén. Trátase dun orzamento histórico, xa que por primeira vez na historia supera os 5 millóns de euros. Ademais, ao aprobalos no ano en curso, o goberno de Soutomaior contará con capacidade económica de gasto desde o comezo de 2024, algo que non pasará nunca.

O “Orzamento24” de Soutomaior contempla case 400.000 euros de fondos para investimentos, un 24% máis que o previsto no orzamento de 2023. A estes sumanselles as transferencias que cheguen doutras administracións. Preto dun millón de euros estarán destinados aos investimentos. Entre os proxectos previstos salienta a instalación de saneamento e actuacións urbanísticas no ámbito rural e urbano.

No que ten que ver cos Servizos Sociais, o orzamento tamén recolle un aumento de ata 2.000 horas no Servizo de Atención ao Fogar (SAF).  O orzamento tamén contempla unha suba salarial moi importante para todo o cadro de persoal municipal, cun incremento que ronda os 150 euros mensuais.

Por outra parte, o “Orzamento24” conxela as actuais taxas e impostos municipais á veciñanza, ao tempo que aposta pola contención e eliminación de gastos superfluos. Esta reorganización do gasto permite aumentar un 30% as partidas de sanidade, cultura, educación e deporte; un 14% nos servizos públicos básicos; e un 12% nas actuacións de carácter económico e infraestruturas. Así, o Orzamento24’ contempla importantes subas en todas as áreas de gasto excepto na relacionada cos gastos de goberno, que disminúe.

De cara á elaboración do “Orzamento24”, o goberno local leva mantendo reunións coa veciñanza e co tecido social do concello.

Te puede interesar