Un concerto pecha o programa “Semaniña enteira” de Redondela

Os mozos gozando do concerto na alameda.
photo_camera Os mozos gozando do concerto na alameda.
O reto desta iniciativa consistía en que os mozos tiñan que falar galego durante 7 días as 24 horas

Máis de 300 escolares de diferentes institutos de Redondela asistiron hoxe ao concerto de Brais Morán & Nasaufunk organizado polo departamento de Normalización Lingüística do Concello de Redondela. A este evento, celebrado este mediodía na Alameda Castelao, estaban convidados todos os alumnos e alumnas dos IES Chapela, Floriani e Mendiño que participaron na campaña “Semaniña enteira”. Esta iniciativa, que xurdiu dos equipos de Normalización Lingüística dos institutos, tiña o obxectivo de fomentar o uso do galego entre a mocidade, e o reto que tiñan que superar era falalo durante 7 días as 24 horas. Para este propósito o Concello de Redondela mobilizou a distintos sectores sociais para contribuír ao uso do galego e animar á poboación a empregar a nosa lingua. Os que o superaron gozaron hoxe deste espectáculo con Brais Morán, que pon a voz e a guitarra na súa banda, Nasaufunk, coa que introduce os ritmos disco e funky no panorama actual da música galega e en galego con temas feitos para bailar e divertirse. A actuación, que estaba prevista para marzo, tivera que adiarse por mor da chuvia. O concelleiro de Ensino, Iván Valles, felicitou á rapazada por ter superado o reto, e animounos a usar o galego “non só unha semaniña enteira, senón un mes enteiro, e o ano enteiro”. 

Dende o Servizo de Normalización Lingüística, e a petición das escolas, proponse celebrar un novo reto "Semaniña enteira" nos colexios de Primaria. Xa son varios os centros que amosaron o seu interese en facelo e que o porán en marcha no mes de maio.

Te puede interesar