Carteis para advertir ós donos de cans que deixen limpas as rúas en Redondela

Mediante este iniciativa, o Concello de Redondela pretende sensibilizar ás persoas e preservar a contorna e os espazos de lecer e tránsito tanto de persoas maiores como cativos

Pilar Martínez amosando un dos carteis que se porán polas rúas.
Pilar Martínez amosando un dos carteis que se porán polas rúas.

Redondela contará con carteis informativos para que os propietarios de mascotas manteñan limpas as rúas do municipio. Estes carteis, de caracter informativo e de advertencia para que os propietarios de mascotas cumpran coa lei de benestar Animal, colocaranse nos centros urbanos de Redondela e Chapela. De este xeito, preténdese sensibilizar ás persoas e preservar a contorna e os espazos de lecer e tránsito tanto de persoas maiores como cativos.

A concelleira de Medio Ambiente, Pilar Martínez, advirtiu en Radio Redondela de que os excrementos e ouriños facilitan a transmisión de enfermidades, sobre todo en lugares de lecer, parques, paseos, ou zonas de xogo infantil e lembrou que non recoller as deposicións dos animais pode carrexar multas de ata 750 euros para os infractores. “Ademais de xermes en xeral, poden transmitir lombrigas que dan problemas estomacais tamén ás persoas”, explicou Martínez.

No caso dos excrementos existe unha ordenanza municipal que obriga á súa recollida e non recomenda deixalos nas papeleiras publicas, senón nos contedores correspondentes. En canto os ouriños, a concelleira sinala que se trata dun problema grave nalgunhas rúas do centro da vila, onde os residentes teñen que soportar malos cheiros nas entradas das súas vivendas. “A Avenida Mendiño, na que se atopan as escolas, é unha das zonas máis afectadas por esta problemática”, sinalou Martínez.

Os donos de cans deben levar unha botelliña con auga mesturada con vinagre, ou un produto de limpeza específico, para asperxer sobre os ouriños e diluílos. En todo caso, debe procurarse que os animas fagan as súas deposicións en zonas axeitadas fóra de espazos de tránsito peonil ou de xogo, e afastados das entradas das vivendas ou comercios.

Desde o Concello pídese a colaboración cidadá para identificar aos propietarios de animais que non cumpran coa normativa. “De momento non estamos pensando en denunciar, senón en sensibilizar e buscar unha solución a través da advertencia. Non se trata de acusar a un veciño, senón de achegarse ao Concello e avisar da problemática para solucionalo sen chegar a unha demanda polo legal. Parece que moitas veces a xente só reacciona cando hai cartos polo medio, pero hai outras vías”. Neste sentido, Pilar Martínez, sinalou que está “todas as mañás dispoñible na área de Medio Ambiente para calquera consulta”. Para máis información está dispoñible o teléfono 986 40 03 00.

Contenido patrocinado

stats