Unha camelia co nome de María Casares en Soutomaior

Paula Sanmartín e Carmela Silva, co camelio María Casares.
photo_camera Paula Sanmartín e Carmela Silva, co camelio María Casares.
Carmela Silva: “Queremos reivindicar a arte e a extraordinaria calidade dunha actriz inigualable, a súa vida e valentía"

María Casares sempre gardou no seu fogar francés un puñado de terra da praia de Bastiagueiro e outro de Montrove como recordo da Galicia que tanto lembraba. Agora, a máis grande das actrices galegas, que viviu toda a súa traxectoria no exilio, xa pervive na terra que a veu nacer en forma de camelia. A Deputación homenaxeou á intérprete tralo centenario do seu nacemento cun emotivo acto no Castelo de Soutomaior que incluíu a plantación na súa honra da novena planta que albergará o Xardín de Camelias con nome de Muller. Todo para reivindicar a unha figura “extraordinaria” en todas as súas facetas e que foi silenciada en España, como subliñou a presidenta provincial Carmela Silva. No acto, non podía faltar o teatro e foi a actriz Paula Sanmartín quen se puxo na pel dunha emocionada María Casares, acompañada polo pianista Martín Rgiz.

Debido ao mal tempo, a homenaxe desenvolveuse no Salón do Tapiz do Castelo, onde xunto á presidenta provincial, Carmen Salinero, xefa do Servizo de Areeiro, e María Casares-Paula Sanmartín plantaron a camelia nunha caixa de madeira para proceder nos vindeiros días ao seu traslado ao xardín. Carmela Silva puxo en valor a necesidade de reivindicar o legado de María Casares no seu centenario e destacou que “foi unha muller libre, independente, transgresora, adiantada ao seu tempo de enorme personalidade e voz inigualable”. “Pero nesta provincia queremos reivindicar –engadiu a presidenta provincial- a súa arte, a extraordinaria calidade dunha actriz única, a súa vida, a súa valentía e o seu compromiso cun mundo novo que non temos logrado construír, no que a metade da poboación, exactamente o 51%, ocupemos o noso espazo e onde se faga visibles ás grandes mulleres que tanto aportaron á humanidade. María Casares foi un delas. Foi unha gran muller á que admiramos, queremos e rendemos homenaxe porque se merece todos”. A presidenta provincial lembrou que en Francia é considerada “un monumento nacional” e precisamente acaban de darlle o seu nome a unha ponte, mentres que en España a súa condición de filla do xefe do Goberno republicano silenciou o seu éxito internacional no teatro e no cine durante a ditadura e despois dela “foi unha descoñecida durante demasiado tempo” e segue sen recibir o recoñecemento que merece “unha das mellores actrices da historia de Europa no século XX”. Silva lembrou que Galicia e a súa condición de exiliada sempre marcaron a Casares e recordou unha das súas frases: “Sentín máis o exilio de Galicia a Madrid que o de España a Francia”.

Te puede interesar