Gonzo. Xornalista vigués

Gonzo: “Se tentase agradar aos que nos ven, deixaría de facer xornalismo para facer televisión”

Gonzo, durante a visita a Atlántico TV.
photo_camera Gonzo, durante a visita a Atlántico TV.

O xornalista Fernando González González (Vigo, 1976), máis coñecido por Gonzo, o seu nome de guerra, está a pasar o verán entre a súa terra natal e a súa residencia de cotío, en Madrid. Aproveitando unha das súas estadías na cidade, visitou Atlántico TV para comentar a situación da profesión e a actualidade do país.

 

Coñécese como xornalista de investigación. Nos tempos que corren existe o xénero?

Existe máis polo que se ve que polo que se fai. Cando me falan dos grandes nomes do xornalismo, teño a sensación de que é máis doado semellar ser un xornalista de renome canto se traballa na tele a nivel nacional ou nunha radio. Eu sego a por en práctica o que aprendín no xornalismo local, que ten máis que ver coa vontade, a vocación e a profesionalidade. Traballar na Sexta, ás veces tamén resulta complicado porque representa máis intereses, ubícanse nun espectro ideolóxico ou nunha intencionalidade concreta. Pero se lle quita a maquillaxe acaba sendo o mesmo, un tema que interesa, ir falar coas fontes, buscarlle un contexto e transmitilo de xeito comprensible e útil. O xornalismo de investigación existe a tódolos niveis. 

Pero as súas fontes adoitan ter influencia. Nótase a presión do poder?

Nótase. Ofrecer unha entrevista para saír en “Salvados”, faise complicado. A xente coincide nunha resposta, que non teñen problema de falar comigo, pero que o malo está nas consecuencias que lle carrexa saír nese programa. Supón un obstáculo para conseguir o obxectivo do xornalista, achegarse á versión máis próxima do que ten acontecido. Téntoo esquecer todo o que rodea o feito básico de que un tipo pregunta a outro.

A Sexta e Ferreras veñen de protagonizar un dos escándalos do verán coas chamadas “cloacas” do Estado. Canto de perto están?

Existen por desgraza e neste país teñen máis presenza que noutros nos temas de actualidade. Villarejo vén da ditadura, aprendeulle Billy el Niño e aínda segue presente ese sistema. Hai un poder mediático que como di Wyoming, considera o país o seu cortizo e por iso é máis difícil desprenderse deles. Un partido utilizou esta estrutura de poder policial e de comunicación para difundir a súa mensaxe e perxudicar aos seus rivais, os xornalista ten que se arriscar. Non é nada novo, xa o conta en “Ciudadano Ken”, pero cando sae a luz a xente ten dúbidas: Que parte hai de realidade, de intencionalidade, que hai de filtración? Eso afecta ao xornalista, ao medio e a tódolos que traballan alí. Pasa tanto en Madrid como en Vigo co alcalde, para ter acceso a certa información, hai que xerar dinámicas de relación persoal que ás veces levan a bos camiños ou  a atallos que o código deontolóxico non  recomenda. Todo xornalista viuse nesa dicotomía e todos cometemos erros.

Bordeando o lado escuro?

Temos que vivir en contacto co lado escuro para lle dar luz.

Pero tamén pode elixir. Foi doado deixar un programa que non cumpría coa súa esixencia?

Depende das circunstancias.  Cando marchei do “Método Gonzo” non foi complicado porque tiña claro o que quería facer e o que non. Nese intre non tiña fillos, nen hipotecas. O difícil do xornalismo  é separar o traballo dos intereses persoais.  Cunha profesión dunha precariedade brutal o maior xeito de censurar é que podes quedar sen traballo.Non sei se tomaría a mesma decisión agora con fillos, se cadra hoxe  sería outra a resposta, profesionalmente  errónea, pero máis acertada no persoal.

Como se leva a ditadura das audiencias?

Non lle chamaría ditadura, pero si presión, emítese algo porque hai xente o ve. Fixen un programa que me encantou sobre Ence e as relacións políticas e económicas como condicionantes en Pontevedra. Para min, dende o punto de vista xornalístico era perfecto, pero no interesou. Conseguiu un 5% de audiencia a nivel nacional e un 15% en Galicia. Volvería a facer un programa dunha empresa radicada nun lugar concreto que só afecta a ese punto? Tería que pensalo, porque se o presento á produtora, diríanme que xa o fixen e non funcionou. 

Que historia lle gustaría contar?

Sempre hai que contar. Interesoume a da migración e xa o teño feito. No mundo no que vivimos, un dos temas que me gustaría tocar é a participación dun grupo de presión, económico ou político, que condiciona as decisión que van a afectar ao conxunto da sociedade. É complicado, porque pode estar infiltrado no grupo mediático no que se emite, na produtora ou na tranquilidade da sociedade. Por exemplo, se se fai algo sobre eléctricas se sabe que  vai ser difícil.  Teñen un exército de avogados que vixiarán o punto e a coma. Amais teño que presentar un programa cada semana e esa realidade tamén condiciona. Non é doado, pero  por iso é máis motivante.

Aféctalle que a súa voz poida chegar a moitos?

Tento que non sexa así, pero é difícil separar a vontade da imaxe que teñen os demais de ti, do personaxe de televisión. Tento que non me afecte porque deixaría de ser eu mesmo. Sen comelo, nen bebelo, por estar na Sexta teño unha esixencia de posicionamento cada vez que abro as redes, para eles se calas é que outorgas. Xa vivín o de tentar agradar aos que nos ven, entón deixaría de facer xornalismo para facer televisión e segue gustándome ser xornalista.

Como lle vai a un galego en Madrid?

Mellor que anos 60 aos meus tíos en Buenos Aires. Vívese ben porque somos moitos galegos vivindo en Madrid que nos adicamos ao xornalismo, cando nos xuntamos é como estar aquí. Son afortunado porque  fun a Madrid porque tiña traballo. Gustaríame máis estar en Galicia, pero Madrid é o centro, onde radica o poder político e económico, é estar no meollo. Levo 17 anos e dous fillos madrileños e sego a ter a mesma sensación de provisionalidade que cando cheguei. Cada día é un menos para voltar.

Te puede interesar