Santalices proporá a Rueda como candidato á Presidencia

Miguel Santalices, o presidente do Parlamento, onte con Alberto Pazos, Ana Pontón y José Ramón Besteiro.
photo_camera Miguel Santalices, o presidente do Parlamento, onte con Alberto Pazos, Ana Pontón y José Ramón Besteiro.
O presidente do Parlamento galego fará hoxe a comunicación oficial ao presidente en funcións

Para as dez da mañá de hoxe está previsto o encontro do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, co presidente en funcións da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela. Santalices comunicaralle o resultado da rolda de consultas previa á designación de candidato á Presidencia da Xunta. O nome será o do propio Rueda.

Unha vez concluída a rolda de contactos cos representantes dos partidos políticos con representación parlamentaria, o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, ratificou onte que proporá a Alfonso Rueda como candidato á Presidencia da Xunta.

A comunicación de propor ao que fora candidato do PPdeG na cita coas urnas do pasado 18 de febreiro, nas que logrou consolidar a maioría absoluta da súa formación con 40 escanos, producirase nesa reunión na sede da Cámara galega.

Aínda que en ocasións anteriores a comunicación era inmediata após as consultas na mesma xornada, Rueda atopábase onte en Madrid, na Junta Directiva que o PP, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, celebrou na súa sede da Calle Génova.

Terá a maioría

Coa rolda de contactos dáse cumprimento ao momento establecido no artigo 136.1 do regulamento do Parlamento de Galicia e empeza o procedemento para a investidura de Rueda como presidente da Xunta. O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, constatou que Rueda terá o respaldo da maioría absoluta popular a semana próxima, mentres que Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) anticiparon que os seus respectivos grupos, de 25 e nove deputados, votarán en contra. Pola súa banda, o deputado de Democracia Ourensana declinou desvelar o seu voto até a investidura. 

Unha vez constatado que Rueda conta co apoio maioritario da Cámara (40 deputados do Grupo Parlamentario Popular), o presidente do Parlamento convocará a Mesa e a Xunta de Portavoces para trasladar o resultado da rolda de consultas e convocar o debate de investidura que se celebrará os días 9 e 11 de abril. O sábado 13 tomará posesión do seu cargo como presidente e, a continuación, de acordo cos antecedentes, nomeará ao seu novo Goberno.

Queixa inxustificada

Desde PPdeG, o seu portavoz parlamentario, Alberto Pazos, subliñou onte que os prazos previstos son “regulamentarios e axustados”. Antes del, a líder do BNG, Ana Pontón, censurara “atraso” nos prazos e vinculábao coa voda do alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida. A apreciación foi criticada por Alberto Pazos, quen lamentou que os nacionalistas incorporen debates “máis propios de programas do corazón”.

“Iso é o que a min me parece rechamante”, advertiu, antes de defender que os prazos son “axustados” e de recalcar que introducir “outro tipo de variables” resulta “ridículo”. “Non se se alguén tiña un calendario alternativo que expor, pero nos órganos regulamentarios non o fixo ninguén”, remarcou a continuación.

Máis aló, Pazos remarcou que para el é “unha honra” exercer como “instrumento da maioría dos galegos que o 18 de febreiro decidiron que o grupo maioritario da Cámara fose o PP”. Ratificou que Rueda terá o respaldo dos 40 deputados populares e que, “nos prazos previstos”, arrincará o mandato, conformarase o novo Goberno autonómico e traballarase “pola vontade dos galegos”.

Despois de que Rueda decidise integrar a todos os conselleiros na Deputación Permanente do Parlamento, continúan as especulacións sobre a composición do gabinete co que o Rueda afrontará a XII Lexislatura.

Te puede interesar