Pontón albisca unha "onda de cambio" co BNG á fronte

Ana Pontón, con membros do Consello Nacional do BNG, onte en Compostela.
photo_camera Ana Pontón, con membros do Consello Nacional do BNG, onte en Compostela.
A líder nacionalista ve ao Bloque “no seu mellor momento”, e avanza que o 23X saen “a gañar”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixou como obxectivo da formación frontista para as eleccións xerais do 23 de xullo aumentar a representación para que “a axenda galega” gañe peso en Madrid, meta que considera que o Bloque pode conseguir en virtude da tendencia que debuxan as pasadas eleccións municipais que, ao seu xuízo, “confirman” que existe unha “onda de cambio” en Galicia que está “liderada” polo BNG.

Así o manifestou na súa intervención ante os medios de comunicación durante a celebración do Consello Nacional do BNG que tivo lugar nun hotel de Teo (A Coruña) durante a mañá de onte co foco situado na análise do resultado das eleccións locais do 28 de maio e na preparación das xerais convocadas para este verán.

A líder nacionalista apelou a aproveitar o impulso das municipais para enfrontar “con ilusión e determinación” as eleccións xerais, nas que o BNG “sae a gañar” coa meta de incrementar a súa representación nas Cortes, onde durante a última lexislatura tivo no deputado pola Coruña Néstor Rego o seu único representante despois de catro anos de ausencia en Madrid.

“Poida que haxa forzas políticas ás que colla esta convocatoria a contrapie. Ao BNG non. Estamos no mellor momento da nosa historia”, aseverou Pontón, que enxalzou os resultados logrados na cita coas urnas do pasado domingo, da que, para o seu portavoz nacional, o Bloque “sae tremendamente reforzado” ao “confirmar” que “a onda de cambio político en Galicia non para de crecer”.

Para Pontón, o 28 de maio supuxo “máis vento nas veas” para que se produza a saída do PP do goberno da Xunta, un proceso que o BNG “lidera” sendo “a referencia”, como, para a líder frontista, evidencia que fosen “a forza que máis sobe” en apoios e en representación.

Agradeceu o traballo das candidaturas e as bases durante as últimas semanas, á vez que enxalzou o compromiso tanto da xente nova “que se incorporou á política municipal” do BNG como á “implicación” das persoas que non son militantes pero formaron parte de listas e axudaron na campaña. “Fixérono porque hoxe o BNG é o espazo de suma para todas as persoas que levan Galicia na cabeza e o corazón”, apostilou.

Dinámica propia

Pontón considera que as eleccións municipais “confirman” que Galicia ten unha “dinámica política propia”, “diferenciada” da estatal, á que “non se axusta”, o que a levou a sentenciar que “a dereita española” debe “tomar nota” de que os marcos “trumpistas” non “serven para nada” na Comunidade galega. Pasadas as locais e en pleno proceso de negociación de pactos post electorais, o Bloque pon en marcha o proceso de elaboración das listas para as xerais, que será unha lista “de país” na que aspiran a recoller distintas “voces” e “apoios”. Cuestionada sobre se repetirá o deputado Néstor Rego e após valorar o seu traballo feito, Pontón incidiu en que “quen ten que falar primeiro é a militancia” para confeccionar unha candidatura que, como apuntou, ten que estar lista “en tempo e hora”.

Te puede interesar