Día das Letras Galegas

Lourenzá celebra a Del Riego como grande da nosa lingua

Preparativos en Vilanova de Lourenzá para os actos deste 17 de maio.
photo_camera Preparativos en Vilanova de Lourenzá para os actos deste 17 de maio.
A comunidade acolle máis dun cento de actividades académicas, literarias, culturais ou musicais

A localidade lucense de Vilanova de Lourenzá será hoxe, 17 de maio, o epicentro da celebración do Día das Letras Galegas, adicado desta volta, coincidindo co 60 aniversario da súa creación, ao seu principal promotor, o laurentino Francisco Fernández del Riego.

A partires dás 11:30 horas desenvolverase na Praza do Conde Santo o acto institucional co gallo das Letras Galegas, organizado pola Xunta de Galicia, no transcurso do cal actuará o grupo musical Luar na Lubre. Contará coa participación do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda.

Posteriormente, sobre as 12:30 horas, no Multiusos Ponte de Cuñas terá lugar a sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega (RAG). Está prevista a intervención dos académicos Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión, que abordarán nos seus respectivos discursos distintos aspectos sobre a figura e a obra do homenaxeado.

Alonso Montero profundará durante a súa intervención, como avanzou a RAG, nun episodio que ilustra o importante papel que tivo Fernández del Riego como “ponte entre Galicia”, a emigración e o “exilio interior”, mentres que Francisco Díaz-Fierros se centrará no “devir da paisaxe” na obra do homenaxeado.

Margarita Ledo Andión abordará a relación de “don Paco, prolífico articulista desde os anos 30 do século pasado”, cos medios de comunicación. A música correrá a cargo do cuarteto Souto Xímaro, de Lourenzá, e do coro Mestre Pacheco, de Mondoñedo. A entrada para asistir ao pleno extraordinario da RAG é libre “ata completar a capacidade do recinto”. Ademais, será retransmitido en directo a través da dirección web academia.gal.

Pechará o pleno a intervención do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, quen lembrou en semanas previas que “Francisco Fernández del Riego foi un gran activista da cultura galega e de Galicia, que nunca se rendeu. Dalgún modo, todos somos fillos del e doutros membros da súa xeración”. Finalizado o pleno, a partir das tres da tarde empezará unha comida popular no Campo do Mosteiro. A modo de colofón, un concerto do grupo Treixadura. 

A Universidade de Santiago de Compostela celebrou onte a súa homenaxe a Francisco Fernández del Riego. O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu este acto, presidido polo reitor, Antonio López, no que o catedrático de Filoloxía Galega Henrique Monteagudo pronunciou unha conferencia. “Se houbese que caracterizar en poucas palabras a súa traxectoria vital diría que foi enormemente produtiva e marcada por unha fidelidade estrita aos seus ideais galeguistas. Foi un incansable activista da cultura e a lingua galega”, remarcou o catedrático de Filoloxía Galega. O día anterior, a Universidade de Vigo foi a que festexou a Fernández del Riego, primeiro doutor honoris causa da institución, cando se cumprían 31 anos desde aquel 15 de maio de 1995 cando recibíu a distinción. 

Te puede interesar