Galicia dá outro paso para se converter en refuxo climático
O Consello da Xunta toma razón da Estratexia de infraestrutura verde e conectividade ecolóxica
Galicia é a primeira comunidade autónoma en aprobar unha estratexia de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, que ten como obxectivo “a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien as poboacións das contornas”, segundo informou onte a Xunta despois do Consello dos luns.
“A infraestrutura verde é unha iniciativa promovida pola Comisión Europea que busca a integración entre as necesidades de conservación de determinadas áreas e o uso sustentable dos recursos naturais, a través dun marco básico e adaptativo de planificación sustentado nunha zonificación territorial homoxénea para todo o territorio europeo”, engadíu.
O Consello da Xunta tomou razón da aprobación, por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, que reforzará a posición de Galicia como refuxio climático e como destino turístico verde e sustentable, inicidiu o Executivo galego, que espera ademais que sitúe Galicia nunha posición vantaxosa para poder captar fondos europeos orientados á recuperación ambiental, tanto por parte das administracións como de entidades privadas.
Polémica
O anuncio chegou o mesmo día que a viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, denunciou que a comercializadora de enerxía público-privada é unha “gran cortina de fume” para intentar tapar as “nefastas consecuencias que ten para Galiza a política enerxética do PP” e para seguir beneficiando o lobby enerxético. E mentres Rueda puño o foco sobre o trámite de participación pública para a instalación da factoría de Altri en Palas de Rei.
Rueda tachou de “actuación orquestrada” as alegacións presentadas contra o proxecto, xa que “a maioría” son “fotocopias asinadas”. “Se é normal que se fale de que hai 25.000 alegantes e resulta que a maioría son copias asinadas de persoas, só hai ao redor de 200 de 25.000, se non hai unha vontade manifesta de orquestrar un sistema de alegacións, eu creo que isto admite pouca dúbida”, censurou.
Comisión
Por outra banda, o presidente da Xunta de Galicia asegurou non ter “ningún inconveniente” en comparecer na comisión que investigará no Parlamento de Galicia os contratos da Xunta con empresas como Eulen. Preguntado respecto diso na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, Alfonso Rueda sostivo que, aínda que non quere “adiantar” os acordos que se deben de tomar para fixar o calendario de comparecencias, asegurou non ter “ningún inconveniente” en comparecer en “estar nesa comisión”.
Investimento histórico: 56 millóns para o Cesga
“Será o maior investimento feito no Cesga ao longo da súa historia e a previsión é que estea listo a mediados de 2026”, indicou Alfonso Rueda ao anunciar un investimento de 56 millóns de euros na construción do novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) “que estará situado no polígono da Sionlla”. O obxectivo, anotou, é que o Cesga siga a manterse “coma un referente a nivel nacional e internacional”.
O novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) albergará as novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas do centro que estarán a disposición da comunidade científica e das empresas. Tal e como explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, a actuación realizarase cun orzamento de máis de 56 millóns de fondos europeos e do Goberno galego, tras lograr captar 47,4 procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia, no marco do PERTE Chip.
“De feito, Galicia é a comunidade que consegue unha maior achega entre todos os membros da Rede española de supercomputación (RES), formada por 14 nodos distribuídos por todo o Estado, que recibe, no seu conxunto, 63 millóns de euros. É dicir, que Galicia capta o 75% dos fondos repartidos en toda España”, destacou a Xunta nun comunicado de prensa.
Para poder levar a cabo todas as actuacións do proxecto, a Xunta de Galicia incrementa o orzamento nun 20%, posibilitando o impulso do Cesga no seu liderado internacional. Ademais desta achega, dispón do soar do polígono da Sionlla en que se construirá o novo centro co fin de poñer en funcionamento este servizo nos prazos establecidos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar