Campaña da renda

As familias galegas con dous fillos xa poden deducir 250 euros

Familia con dous fillos. // Pixabay
photo_camera Familia con dous fillos. // Pixabay
A nova fiscalidade do IRPF, impulsada pola Xunta e pioneira en España, beneficiará a 190.000 fogares

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou onte que en Galicia xa se pode equiparar fiscalmente no IRPF as familias de dous fillos coas familias numerosas e lembrou que esta dedución xa se pode aplicar na campaña da renda correspondente ao ano 2023, que comezou esta semana. Deste xeito, a Comunidade galega convértese na primeira en aplicar esta medida.

“Galicia segue a ser referente na baixada de impostos a na apliación de novas deducións fiscais para mitigar os efectos da inflación nos fogares galegos”, puxo en valor Rueda en referencia a esta medida xunto con outras xa en marcha ou que se aplicarán na nova Lexislatura.

Rueda explicou que nesta declaración da renda as familias con dous fillos xa poderán deducir 250 euros, un incentivo que até o de agora tiñan as familias numerosas (250 euros as de categoría xeral e 400 euros as de especial) que agora se dobra para as familias de tres fillos (500 €). Esta cantidade increméntase noutros 250 euros por cada fillo a maiores (a partir de tres). 

En total, e segundo salientou o mandatario galego, serán “case 190.000 familias”, entre numerosas e con dous fillos, as que resulten beneficiadas na súa declaración.

Deflactación en vigor

Ademais, puxo en valor que os contribuíntes galegos se beneficiarán, ao igual que na campaña da renda de 2022, da deflactación dos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF; da rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar. O obxectivo destas medidas é mitigar os efectos da inflación da renda dispoñible das familias e reforzar o impulso da reactivación económica.

Rueda salientou que  un contribuínte galego poderá aforrara, de media, na súa declaración da renda correspondente ao ano 2023 “476 euros en relación co que pagaba no ano 2009”.

E lembrou que existen multitude de deducións vixentes que os contribuíntes poden aplicar na súa declaración da renda, entre as que citou as referidas ao nacemento ou adopción de fillos, ao coidado de fillos menores, aos contribuíntes con discapacidade de 65 ou máis anos que precisen axuda de terceiros, aos gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías nos fogares ou aos de alugamento da vivenda habitual para os de idade igual ou inferior aos 35 anos.

Por outra banda, unha campaña máis a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) colaborará de novo coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e prestará asistencia con 36 persoas aos contribuíntes na confección de declaracións do IRPF nesta campaña, con tres servizos: asistencia telefónica a través do Plan Chamámolo, videoasistencia para maiores de 65 anos e asistencia presencial tradicional, desde as plataformas mixtas, situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas.

Te puede interesar