Facenda volve sacar nota alta no cumprimento do déficil
Rueda informa de que o 2022 pechouse co endebedamento do 16,1%, “taxa máis baixa desde 2012”
A moción de censura en Muxía colouse na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de onte. O presidente Alfonso Rueda comparecía para presentar os avances no cumprimento dos obxectivos de déficit e dedicoulle pouco tempo ao asunto. Despois de se remitir ao PP provincial da Coruña para emitir un pronunciamiento, remarcou que, en materia de acordos para gobernar, os populares non pon “cordóns sanitarios”. “Quen tería que porse moi nervioso é o BNG e supoño que o PSOE”, engadiu.
E xa entrou en materia para resaltar que o Consello acababa de aprobar a Conta Xeral da Comunidade Autónoma correspondente ao exercicio 2023 que “amosa que Galicia cumpriu cos obxectivos de déficit e débeda pública recollidos nos orzamentos” e iso sen “que se resinta o esforzo inversor”. Tal e como explicou, o avaliado mostra que o Goberno galego pechou o exercicio cun déficit do 0,18 % do PIB -“case tres puntos menos que no 2022”, dixo- e cunha taxa de endebedamento do 16,1 %, “a máis baixa desde 2012”.
Os datos definitivos -indicou o presidente- sinalan que Galicia pechou o 2023 cunha execución do orzamento consolidado (sen incluír os fondos NGEU) do 99,6 %; un déficit orzamentario de 138 millóns de euros, o que representa o 0,18% do PIB; e cunha ratio débeda/PIB do 16,1 %, 3,7 puntos por debaixo do nivel que presentaba este indicador ao inicio da pandemia (19,7 %).
Pagamento a proveedores
Rueda lembrou que a conta xeral pódese apreciar que Galicia non só foi das comunidades autónomas que cumpriu de novo os obxectivos de déficit e de débeda, senón que tamén “foi unha das que liderou o tempo de pagamento a provedores”. En concreto, tal e como engadiu o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, rematou o 2023 cun período medio de pagamento “de 14,82 días, fronte aos 27,87 de media das comunidades autónomas, o que confirma que Galicia pagou as súas facturas case na metade de tempo que o conxunto das comunidades”. Desta forma, a Xunta de Galicia, un exercicio máis, é quen de compatibilizar altos niveis de execución, con grandes esforzos investidores e un áxil pagamento aos provedores.
En canto ao esforzo investidor, o ano pasado Galicia destinou o 17 % do total do gasto non financeiro a investimentos.
Con estes indicadores, apuntou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, o Executivo galego “reafirma a súa aposta por un modelo de crecemento baseado no cumprimento dos obxectivos de déficit e de débeda, o que permite ter maior marxe de gasto nos investimentos, reforzar o gasto social e pagar con máis axilidade aos provedores da Administración”. “Os datos amosan unha xestión dos orzamentos rigorosa que dá certezas e confianza a cidadáns e empresas”, subliñou.
A Xunta de Galicia remitirá agora a conta xeral ao Parlamento e ao Consello de Contas. Este ano a rendición realízase de xeito telemático dando así cumprimento a unha das recomendacións do Consello de Contas.
Pagamento ás universidades polas matrículas gratuítas
Alfonso Rueda avanzou que “xa son 9.659 estudantes de grao e 647 de ensinanzas artísticas” que se beneficiaron da gratuidade da matrícula para este curso en Galicia e que a previsión é que finalmente esta cifra se duplique e se chegue “arredor de 20.000 estudantes ao longo de todo o curso”.
Segundo o informe elevado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ao Consello da Xunta, estímase que a cifra de beneficiarios da matrícula de balde aumente logo de que nos próximos meses peche o derradeiro prazo de matrícula en outubro, e se resolvan as bolsas de estudo estatais entre xaneiro e febreiro do próximo ano. Trátase, polo tanto, de estudantes que cumpren coas condicións para a matrícula gratuíta da Xunta pero están pendentes doutras exencións que, de non obtelas, se lles aplicaría a bonificación autonómica.
Oito mil, pendentes
Así pois, no caso dos estudos de grao universitario, a día de hoxe aínda quedan arredor duns 8.000 posibles novos beneficiarios pendentes da bonificación por estar en pendentes da aplicación dalgunha das exencións previstas como ser beneficiario dunha bolsa do Ministerio, ter matrícula de honra, persoal universitario ou familia numerosa; ou ben estar pendente da revisión dalgunha incidencia. Isto é, que as persoas que solicitaron outras exencións, se finalmente non as obteñen pero cumpren cos requisitos establecidos pola Xunta, vanse beneficiar da gratuidade, o que elevará a cifra final.
Tal e como explicou o presidente, a gratuidade da matrícula supón “un déficit na tesourería das universidades públicas” e, por iso, o Consello acordou “adiantar” o pago ás universidades “en compensación pola baixada de ingresos”.
En concreto, a Xunta vai aboar 5,6 millóns ao longo deste mes aos campus, “é dous meses antes do prazo pactado inicialmente”. A Universidade de Santiago vai recibir 2,2 millóns; a Universidade de Vigo, 1,6; e a Universidade da Coruña 1,7 millóns.
Contenido patrocinado
También te puede interesar