Nace a plataforma 'AGalega', un 'Netflix' con series e películas en galego

‘AGalega’ nace con dúas aplicacións integradas: ‘Xabarín’ para os cativos e ‘AGalega Audio’ para contido da Radio Galega

Publicado: 18 ene 2024 - 09:58 Actualizado: 18 ene 2024 - 11:00

Acto de presentación da plataforma AGalega.
Acto de presentación da plataforma AGalega.

A CRTVG está de estrea. Na aposta do grupo pola dixitalización para chegar a maior público nace 'AGalega'. A nova plataforma dixital, unha especie de 'Netflix á galega', inclúe máis de 7.000 contidos audiovisuais en galego.

Con esta estrea, a CRTVG reconfigura a súa estrutura dixital e ofrece os seus contidos de ficción, entretemento, cine, series, animación, documentais, podcasts, directos e contidos exclusivos, a través da maior plataforma dixital audiovisual en galego do mundo. A ampla oferta inclúe desde series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma.

A presentación deste proxecto realizouse este mércores na Cidade da Cultura de Galicia cunha morea de rostros coñecidos como a comunicadora Esther Estévez, o humorista Xosé A. Touriñán e o presentador Marcial Mouzo.

Tres aplicacións

AGalega’ nace con dúas aplicacións integradas, pero que tamén se poden descargar de forma individual. Para os máis cativos, nace a nova app ‘Xabarín’ con novidades como ‘Os Argonautas e a moeda de ouro’ ou ‘Valentina’, que se vai estrear como contido exclusivo na plataforma.

Tamén está en marcha ‘AGalega Audio’, con todos os servizos e canles da Radio Galega integrados, cos directos e contidos exclusivos. Hai xa un total de 4.500 audios dispoñibles.

Contidos exclusivos e clásicos

Os contidos tanto da plataforma como das aplicacións irán mudando e medrando. ‘AGalega’ parte xa con contidos exclusivos que só se poderán ver na plataforma. Proximamente estrearanse series como ‘Na Gloria’, interpretada por Xosé A. Touriñán e Dani Rovira, e xa se pode ver ‘Ghuasapp’, que só está dispoñible na plataforma.

Os sen nome’, un documental sobre o accidente aéreo ocorrido en Montrove, é outro dos contidos únicos; a película para cativos candidata ao Goya ‘Valentina’ tamén será contido exclusivo, así como a sección de música, chamada ‘Palco’, contará co último concerto de Amancio Prada coa Filharmonía de Galicia, entre outros contidos.

A plataforma contén as series míticas da TVG combinadas coas máis modernas. ‘Padre Casares’, ‘Pratos combinados’ ou ‘Mareas vivas’ comparten escena coas novas creacións que tamén marcaron época: ‘Saudade de ti’, ‘Auga Seca’, ‘A Estiba’, ‘Operación Marea Negra’, ‘O sabor das margaridas’ e ‘O faro’, entre moitas outras.

Acceso á plataforma

Para acceder á plataforma ‘AGalega’ pode facerse vía web a través de www.agalega.gal, e tamén pode descargarse AGalega (escrito sen espazos) desde Google Play e App Store. En febreiro estará dispoñible nas televisións intelixentes, en Fire TV, LG e Samsung.

‘AGalega’ conta con todas as canles de directo de televisión e radio que ofrece agora mesmo a CRTVG, polo que poderá verse a televisión convencional tamén a través desta plataforma.

Contenido patrocinado

stats