“Artesanía, saber e sabor” en Ribadavia a prol do comercio local
A iniciativa pon en valor a artesanía e os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada
Entre o 6 e o 8 de decembro Ribadavia converterase nun grande escaparate da artesanía e dos produtos agroalimentarios galegos grazas á iniciativa “Artesanía, saber e sabor”, impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería do Medio Rural. Esta acción incluirá un mercado de Nadal de Artesanía Alimentaria, promoción de Artesanía de Galicia e un completo calendario de actividades, como obradoiros dirixidos a familias e profesionais, catas, degustacións, baile, música ou sorteos. Ademais, o evento funcionará como punto de partida do proxecto Vilas Vivas, que será impulsado pola Xunta no 2025 co obxectivo de reforzar a dinamización do tecido comercial de vilas e cabeceiras de comarcas galegas.
Durante os tres días, desenvolverase en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas. A igrexa de Santa María de Magdalena será o escenario do mercado de Artesanía de Galicia, que contará con 10 expositores artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e pertencentes aos sectores da olería e cerámica, bixutería, xoiaría, coiro, calceta, feltro e relacionados coa moda.
Estes son Alfarería Lista, Contraform, Ferraxe de Prata, Jatafarta, Laura Triñanes, Logaro, Lumecú, María Monsalve, Mundaya e O Covil. Ademais, haberá dous expositores nun local dedicado a obradoiros de cerámica, que son os de Nerea Carpente, de Peixe Nero e Carlos San Claudio. Deles, tres son da provincia de Ourense -Untes, Vilar de Santos e Ourense- e o resto proceden de Malpica de Bergantiños, Santiago de Compostela, Teo, Monterroso, Covelo e Vigo.
En canto aos obradoiros, celebraranse en diferentes localizacións do casco antigo de Ribadavia e serán abertos a todos os públicos. Algúns deles estarán dedicados á elaboración de produtos relacionados co Nadal como as demostracións de arranxos florais a cargo de Verónica Souto, de Floradeira (Paderne). Ademais, haberá obradoiros de elaboración de sanandresiños, con Jorge Bellón (Santo André de Teixido, Cedeira), os de torno cerámico, a cargo de Nerea Carpente de Peixe Nero (Covelo) e de Carlos San Claudio (Cianotipias), os de Cianotipias e Gyotaku, impartidos por Peixesapop (Vigo), ou os de estampaxe de postais con Sandra Betanzos de Amor ó teu.
Tamén se desenvolverán outros cursos para os que é precisa inscrición previa na web de Artesanía de Galicia, artesaniadegalicia.xunta.gal. Trátase dos cursos de Elaboración dunha coroa de Nadal e de Elaboración dun Centro de mesa, impartidos por Floradeira; dos obradoiros de Creación de Farois con estampaxe de selos e de Estampaxe de teas con serigrafía, con Amor ó teu; así coma o obradoiro de debuxo, que impartirá Catalina Rodríguez.
En relación co mercado de Artesanía Alimentaria, estará localizado na Praza Maior e nel preto dunha vintena de produtores ofrecerán as súas elaboracións en expositores de coidado deseño. Ademais, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, preparou un completo programa de actividades para dinamizar o mercado e achegar este indicativo á cidadanía. Así, as persoas que se acheguen poderán gozar de obradoiros con produtos de Artesanía Alimentaria, degustacións, catas comentadas, demostracións de cociña a cargo de chefs recoñecidos ou incluso actuacións musicais. Os máis pequenos da casa contarán con actividades específicas para eles, como obradoiros de cociña, de creación de adornos e galletas de Nadal, chapas, tatuaxes ou papiroflexia, entre outros.
Novas experiencias
Deste xeito, “Artesanía, saber e sabor” busca poñer en valor a artesanía e os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, explorando novas experiencias para a súa comercialización a través do uso efémero de diferentes locais comerciais do casco histórico da vila, abertos ao público para este evento, e a igrexa da Magdalena.
Ao longo destes tres días, a iniciativa contará coa participación de máis dunha ducia de artesáns e obradoiros adheridos á marca Artesanía de Galicia. Ademais, no que atinxe ao mercado de Nadal, as expositoras serán pequenas empresas que elaboran e comercializan produtos acollidos ao selo Artesanía Alimentaria dos diferentes sectores para os que se conta coa correspondente norma técnica. Así, haberá queixos, xeados, mel, embutidos e outros derivados cárnicos, marmeladas e outras conservas vexetais, cervexas, sidra, aceite de oliva, chocolate e derivados do cacao, etcétera.
Piloto do proxecto Vilas Vivas que se ampliará ao longo de 2025
Este evento de Ribadavia servirá como piloto dun proxecto máis amplo que a Xunta impulsará no 2025 baixo o nome de Vilas Vivas, que terá continuidade nesta vila histórica e noutras. O propósito é darlle unha nova vida a baixos comerciais en desuso de diferentes cascos históricos para o desenvolvemento de eventos efémeros que atraian visitantes durante as fins de semana, ligando deste xeito comercio, gastronomía, turismo e cultura para ofrecer unha experiencia integral que impulse as cabeceiras de comarca. Estas experiencias estarán abertas á participación de artesáns, bodegas, produtores de Artesanía Alimentaria ou mesmo outlets de moda.
Vilas Vivas é unha das accións que promove Galicia para continuar avanzando no impulso ao comercio local e de proximidade como motor de desenvolvemento económico e xerador de emprego, así como fonte de vida de cidades, vilas e pobos, fortalecendo o tecido social e revitalizando as súas contornas. Ese é o obxectivo do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que o Goberno galego está a elaborar xunto cos axentes implicados, comerciantes, asociacións, centros comerciais abertos, praceiros ou artesáns, e que prevé estar listo no primeiro trimestre do próximo ano.
A planificación abordará retos como a transformación dixital, a innovación, a remuda xeracional e tamén a modernización do sector comercial e artesanal desde unha perspectiva conxunta, consolidando medidas do Executivo galego que veñen demostrando a súa eficacia ano tras ano (é o caso dos Bonos Activa Comercio) e poñendo en marcha novas accións que impulsen o tecido comercial en sinerxía con outras realidades como a gastronomía ou o turismo, aproveitando as novas tendencias do mercado e os hábitos de consumo acordes aos tempos actuais.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último