Coordinadora da Rede Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos

Rosa Fontaíña: "Cun maltratador non se pode ir polas boas, porque non hai boas cando segue a gritar"

Rosa Fontaíña, no set de Atlántico TV.
photo_camera Rosa Fontaíña, no set de Atlántico TV.
Rosa Fontaíña é a coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais contra o Maltrato

Rosa Fontaíña, coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais contra o Maltrato, acudiu a Atlántico TV para alertar do aumento de casos de violencia de xénero e a falta de medios para facerlle fronte.

 

Os asasinatos de mulleres a mans das súas parellas continúan, non para esta lacra? 

Non é que continúe, é que aumenta día a día. Cada vez as rapazas agredidas son máis novas. Os adolescentes collen estas mensaxes tan tremendas como feminazis. Vémolo en colexios aos que imos dar charlas de xénero e violencia. Pero o grave é que cada vez hai menos recursos, menos compromiso social e político, cando a semana pasada morreu unha muller diaria.

E iso pese ao traballo de concienciación social que fan dende a Rede?

Na Rede hai oito profesionais traballando coas mulleres, pero amais informamos e transmitimos aos políticos o que está a acontecer, non podemos seguir así. Facemos un esforzo moi grande e non damos feito para atender as mulleres, moitas delas con crianzas, que por falta de medios non poden facer moitas cousas que deberan estar facendo. 

Cantas mulleres atenden na Rede?

No que levamos de ano fixemos 1.045 atencións presenciais, a maiores están as  telefónicas. Asesoramos a cen persoas máis que o ano anterior, isto sube día a día. Facemos un acompañamento en todo o proceso: á psicóloga, á traballadora social, á avogada ou á pedagoga. Se vemos unha sentenza inadecuada, denunciamos iso cada xoves nas concentracións en Príncipe. Temos un xulgado de violencia en Vigo que está mal e iso tamén o denunciamos por outras vías. Non pode ser que unha muller vaia denunciar e teña quedar a volta para a casa co maltratador, moitos deles que tamén pegan aos nenos. Non pode ser.

Cando se debe pedir axuda?

Dende o primeiro momento. Xa no principio créase unha dependencia, onde a muller queda anulada. Debe acudir á Rede cando sintan que non son respectadas, non teñen que agardar á labazada. Acompañámolas, pero non lles dicimos que denuncien, eso teñen que ser elas as que se enfronten a súa situación. Cun maltratador non se pode ir polas boas, porque non hai boas cando segue a gritar. Ese tipo de acordos adoitan ser moi perxudiciais para as mulleres. 

Ao dar o paso e denunciar, a muller está protexida?

Non. Depende da gravidade, pero non se conceden as ordes de afastamento, nen as pulseiras que se deberan. Isto depende de que as demande o xulgado. Non a mandan se consideran que  non hai tanto perigo para unha orde de afastamento, aínda que o home malle nela e nos fillos. Logo está a responsabilidade que lle botan enriba cando non hai denuncia, aínda morre sendo culpable!

Cal é o perfil das mulleres que pasan pola Rede?

Hai un pouco de todo, pero sobre todo, persoas sen recursos. As que poden buscan outras saídas. A xente segue avergoñándose de ser maltratada e os familiares aínda máis. Saír do maltrato é máis doado se se ten apoio social e económico.

Que se pode facer a nivel individual contra o maltrato?

Todos podemos facer algo. Amais de denunciar e concienciar, podemos ocuparnos da veciña que o está a pasar mal, que adoita sentir unha culpabilidade extrema. Hai pouca xente comprometida.

Te puede interesar