Jorge Mira: "Temos que manter o cambio de hora e o noso fuso horario actual"
Jorge Mira, catedrático de Física e divulgador científico
Poucos meses despois de recibir a Medalla de Investigación da Real Academia de Ciencias, o físico da USC Jorge Mira visita Atlántico TV para falar da súa extensa carreira investigadora na que abordou múltiples disciplinas.
Chega a Vigo a participar nunha mesa redonda sobre multilingüismo. Como remata un licenciado en Física e achegándose ás humanidades?
A física é algo que estuda o que existe, en xeral. E os falantes son puntos que conforman un sistema máis grande. Cando os seres humanos se agrupan, o comportamento colectivo que emerxe é máis predicible do que parece. Cando nos colectivizamos aparecen pautas que parecen estables e os físicos podemos abordalos cuantitativamente. E eu apliquei ese coñecemento para intentar explicar como é a dinámica lingüística de Galicia e outras comunidades bilingües, e funcionou moi ben.
En relación a isto, foi un dos autores dun modelo matemático utilizado para estudar a interacción entre dúas linguas que compiten, como pode ser o galego e o castelán.
Si. Baséase en comprender que a dinámica de dúas linguas depende de dous factores: da xente que te rodea e o prestixio da lingua. A distancia que existe entre ambas linguas cambia bastante a dinámica e con estes datos temos unha ferramenta que nos permite ver como vai ir o futuro da lingua.
Que conclusións extraeu?
A primeira é que o prestixio do galego é máis baixo que o do castelán. Pero canto? Se ambos suman 100, o galego está no 40 e o castelán, no 60. A outra conclusión que tiramos é que a lingua do galego vai esmorecendo, como é obvio, pero que existen certas marxes polas cales a lingua galega non se extinguirá, por unha parte por ter un corpo de bilingües moi grande e por outra, por haber un corpo de monolingües tamén importante.
Leva máis de 20 anos compaxinando a actividade investigadora con labores de divulgación científica, destacando o paso polo programa da TVG ‘Cifras e Letras’. Cal é a experiencia da que gardas mellores lembranzas?
Comecei nos medios hai 25 anos, nun programa de TVE de variedades. Era a primeira vez que se facía unha sección de divulgación científica en galego. Ao 'Cifras', como foi un 'boom' moi rápido que alcanzou cotas de audiencia que hoxe en día son ciencia ficción, téñolle moito cariño. O despegue e a vangarda que supuxo o 'Cifras e Letras' foi moi importante. A súa base de datos de palabras chegou a ser a máis grande de todas na lingua galega, incluso maior que as dos dicionarios e a Real Academia.
Cre que se aposta o suficiente pola divulgación científica?
Hai xente que ve o vaso medio baleiro e outros, medio cheo. Eu son dos segundos, porque no 99, cando eu comecei na radio, era a primeira sección de divulgación científica en galego, e na televisión tamén. Naquela época non había nada. Estaban os museos científicos coruñeses e pouco máis. Do que había cando eu comecei ao que hai agora, cambiou moitísimo. Eu vexo un cambio brutal, mellorou moito. Pódese apostar máis? Si, pero estase apostando ben. Galicia está moi ben posicionada en divulgación científica. Se un mira as actividades per capita, Galicia é unha das comunidades autónomas do Estado español con máis actividades de divulgación científica.
Como rematou escribindo un artigo no que calculas a temperatura do ceo e do inferno? A miña entrada no audiovisual foi por culpa dese artigo, que era evidentemente de coña. Naquela época xa comezaban a verse eses toques da dereita republicana estadounidense integrista cun acervo relixioso moi profundo, case fundamentalista. No ano aquel, ganou un gobernador en Kansas desta facción que interpretaba a Biblia ao pé da letra negando a teoría evolutiva. A comunidade científica comezou a alucinar e moitos fixémolo pola vía enxeñosa. Na Biblia o Libro de Isaías describe como é o ceo e en base a que di que o Sol brilla sete veces máis, fixen o cálculo cunha fórmula de física cuántica. O mesmo que o inferno, no que menciona que é un mar de xofre, polo que o calculei usando a súa temperatura de ebulición cun colega. Mandámolo e publicáronnolo nunha revista moi potente. Despois descubrimos que 30 anos antes un físico que acabou sendo secretario de estado de Bush pai fixera o mesmo pero equivocárase nun cálculo, a el saíalle que o ceo era máis quente. Imaxínate a que se montou ao corrixir a un alto cargo da administración Bush. Saímos nun montón de medios internacionais.
Outro dos paus que tocou nestes últimos anos foi o cambio horario. Cales foron as súas conclusións?
Hai que seguir mantendo o estatus actual. Temos que seguir no noso fuso horario e facer o cambio estacional de hora dúas veces ao ano. Vivimos nunha latitude con estacións. O fuso horario non hai que cambialo porque é unha referencia que temos integrada no noso cerebro. España leva oitenta anos coa súa referencia horaria actual e non hai ningún problema. Cando un compara o ritmo vital de italianos, por exemplo, cos españois, non hai ningún tipo de desfase. Por que non temos a mesma hora que Portugal? Eles están habituados ás súas referencias e nós tamén. Portugal é un país máis estreito e o litoral balear tira un pouco máis de nós. O noso ritmo de aproveitamento da vida é o mesmo que o dos italianos ou outros países europeos. Ademais, o do cambio de hora para aliñarse con Hitler é un 'fake' que se estendeu dende 2008 e levo desmentíndoo desde entón.
É membro de Mensa, a asociación de persoas con alto cociente intelectual. Cre que aínda fallan as ferramentas pedagóxicas para detectar e integrar aos nenos con altas capacidades?
Eu persoalmente nunca tiven ese problema. Fun á escola nos 70 e nesa época non había ferramentas para detectar estas situacións. Novamente, vexo o vaso medio cheo. Agora o sistema está moito máis preparado. O único matiz que tería sería ter unha lexislación que fora un pouco máis severa para controlar certos despistes como móbiles ou redes e estase perdendo a autoridade do profesor. Paréceme a única cosa a corrixir.
Ao longo da súa carreira investigadora tocou múltiples disciplinas científicas. Hai algún tema no que lle gustaría afondar pero non tiveches a oportunidade?
Acaban de concederme a Medalla de Investigación de Galicia, foi un enorme honor. Fixérono pola cantidade de disciplinas que abordei. Toquei todo o que puiden facer cando tiven a oportunidade. Agora o que me está gustando moito é o tema da política, ver como é a dinámica do ser humano á hora de votar. Estou bastante convencido de que a dinámica coa que se votaba hai 20 anos cambiou á dinámica que temos agora.
Contenido patrocinado
También te puede interesar