Rubén Pérez, candidato á alcaldía de Podemos-Marea de Vigo

Rubén Pérez: "Queremos manter a ruptura do status quo que supuxo a entrada da marea"

Rubén Pérez, na súa visita a Atlántico TV.
photo_camera Rubén Pérez, na súa visita a Atlántico TV.

Nun breve descanso da intensa campaña electoral, Rubén Pérez visitou o set de Atlántico TV para falar das propostas de Podemos-Marea de Vigo.

 

 

Como afronta estes comicios nos que a maioría de enquisas publicadas apuntan a un retroceso nos apoios a Podemos-Marea de Vigo?

Sorpréndenos bastante a receptividade que está tendo a coalición e estamos detectando un proceso de reactivación importante dese electorado. Tamén é certo que todas as enquisas falan dun 35 ou 40% de persoas que aínda non decidiron o voto. Que teñamos un nivel tan alto de abstencionismo nunhas eleccións municipais tras a primeira semana de campaña obriga aos partidos, sobre todo aos que aínda non temos posicionado o voto, a facer un esforzo extra. Entendemos que imos recuperar unha parte sensible do voto do 2019 e imos intentar facelo dunha maneira moi clara. 

Desmotiva ou desmoraliza facer campaña coas enquisas indicando que volverá a haber maioría absoluta?

Eu milito en Esquerda Unida dende os 15 anos e nunca tivemos procesos electorais bos, sempre tivemos todas as dificultades do mundo para facer campaña. As enquisas o único que din e que o electorado do PSOE está posicionado, pero creo que queda moito traballo por posicionar o abstencionismo ou o voto crítico. De todas formas, cousas máis milagreiras se miraron, de plantexar escenarios de maiorías absolutas e que houbera un cambio de goberno. Ademais, está o tema da existencia da oposición, pois, por exemplo, 7 concelleiros é o mínimo que se require, entre outras cousas, para pedir un informe ao secretario como ocurriu nesta lexislatura, na que conseguimos paralizar Cabo Estai. Creo que nesa cultura democrática, os vigueses deberían saber a importancia de ter esa oposición para contrarrestar determinadas posicións cesaristas que nesta cidade nos últimos tempos se van xeralizando.

Coa primeira metade da campaña xa cumprida, cre que poden dar a sorpresa mantendo os dous concelleiros?

O noso obxectivo é manter o grupo municipal como elemento crítico. Hai moita xente que quere volver ao vello status quo do PSOE-PP-BNG que se alternaban e pactaban urbanismo e grandes cuestións. Nós non queremos que perviva porque foi nese status quo no que se fixeron as grandes falcatruadas en materia de Plan Xeral e en materia de xestión municipal, incluída Vitrasa. Todos os males que vivimos agora con esta empresa teñen que ver con decisións que tomaron alcaldes das cores políticas historicamente sempre presentes na corporación. A ruptura do status quo que supuxo a entrada de Marea en 2015 queremos mantela porque somos un contrapoder desa realidade tripartidista que durante moitos significou esta cidade. 

O lema da súa candidatura chama a “Recuperar Vigo”. En que sentido?

Vémolo non como un lema nostálxico, senón de recuperar determinados debates que foron centrais no municipio. Un deles, por exemplo, son determinadas infraestruturas que están abandonadas, como os terreos industriais de Álvarez, o Verbum, o cine Fraga... Queremos recuperar tamén a democracia. Nesta cidade, antes de Abel Caballero non se modificara de forma sustancial o regulamento do pleno. Chegou Marea de Vigo no ano 16 e fíxose para dificultar a xestión democrática da oposición. Recuperar tamén o movemento veciñal crítico, que confrontaba e que era un contrapoder para os gobernos municipais de calquera cor; e valores que tiña esta cidade como empresas públicas. 

Perdeuse o aspecto da participación cidadá en Vigo?

Si. Tivemos un acto coa federación veciñal no que recoñeceron que todas as dificultades que temos a oposición para fiscalizar o traballo do goberno tamén as teñen eles. Hai unha falla de relevo, os mozos non ven no movemento veciñal un sitio onde participar. Ademais, unha das cuestións nas que nós criticamos a Abel Caballero é a de non entender a crítica. Un alcalde ten que saber que sempre haberá un movemento veciñal que esixa cuestións de barrio que moitas veces non son coincidentes co que quere facer o alcalde. Todos os alcaldes saben que é un contrapoder, menos Abel Caballero, que non entendeu que este movemento pode ser crítico e o que fixo foi intentar exterminalo.

Ao seu xuízo, cales son os problemas máis urxentes desta cidade?

A vivenda ten que ser un tema municipal. Non é argumento dicir que os concellos non teñen competencias en materia de vivenda, poden conformar parques de vivenda pública, directamente con promoción da administración local, ou ben en moitos casos con acordos con entidades bancarias. Polo tanto, queremos que o Concello desenvolva os ámbitos de vivenda pública que figuran no Plan Xeral e que chegue a acordos coa Sareb para ter cesións de vivenda.

A cultura é outro dos temas recurrentes nos seus actos de campaña.

Nós culturalmente fomos unha cidade moi avanzada, non só pola explosión da cultura alternativa dos anos 80 e 90, senón porque tivemos programas culturais moi importantes, actividades como o MoveVigo. Todo iso agora é un erial, a cultura en Vigo redúcese a catro ou cinco cousas

Te puede interesar