Rodrigo Corrales: “Rematamos o torneo coa medalla, que é algo incríble”
Medallista de bronce cangués en París
O porteiro cangués engade que “estou contento por poder manterme na selección tantos anos"
Rodrigo Corrales (Cangas, 24 de xaneiro de 1991) acadou onte a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de París coa selección española de balonmán. É o seu segundo metal olímpico, que chegou ós 33 anos.
Como estades co bronce?
É un momento moi bonito, por como foi, polo duro que foi e por como pasamos os partidos. É un torneo que rematamos cunha vitoria e co bronce, que é algo incrible para nós, para o grupo e para o balonmán español. Pechar os Xogos Olímpicos así fai que teñamos un día eufórico.
Os partidos chave resolvéronse por un gol.
A verdade, é algo que digo sempre, pode soar a tópico, pero é que o nivel é altísimo e uns Xogos Olímpicos son moi diferentes. Hai partidos cada dous días e, algúns, en horarios moi atípicos, ós que non estamos acostumados. Somos soamente catorce xogadores e, neste caso, con viaxe a Lille. A supervivencia e poder adaptarse ás circunstancias é o que fai gañar. Todos os partidos, os nosos e os outros, estiveron moi iguados. O único que non foi así chegou na final, que foi algo moi raro. Xapón estivo preto de dar sorpresas… A verdade é que o torneo resultou moi espectacular e, pola nosa parte, sempre tentamos ser moi competitivos para chegar ó final coa posibilidade de gañar. Non se deu nas semifinais contra Alemaña, pero si se deu no bronce. E estamos contentos por ter esa competitividade.
Que significa o podio para vostede?
É moi especial. Estar na selección é algo que significa moito. En primeiro lugar, polo valor deportivo que ten e, en segundo lugar, polo grupo que formamos. Son moi afortunado nese aspecto porque xa son nove competicións con España en sete medallas. Esta é a segunda olímpica. Durante o ano vinme un pouco fastidiado das costas, non fun ó Europeo e sempre te preocupas porque queres recuperarte para chegar máis forte. Estiven no preolímpico, que pasamos, fun entrando e estiven na lista. Estou moi contento porque, ademais, nos últimos anos tivemos un troco de xeración na selección e sacamos unha prata no Europeo, un bronce no Mundial e esta presea olímpica. Estar aquí é difícil, cansa moito, pero en días como hoxe paga moito.
Nos últimos partidos perdeu minutos ó non existir a rotación de porteiros.
É o que pasa no balonmán. Gonzalo Pérez de Vargas estivo ben en cuartos, en semifinais estiven un ratiño e neste partido polo bronce, tan axustado, decidiu o adestrador así. Son cousas normais do deporte porque os porterios non podemos xogar os dous. El axudounos a acadar a medalla, que é o que importa, e eu estou moi contento por poder axudar, sentirme comprometido e por estar preparado para saír cando sexa necesario. Por iso tamén estou satisfeito.
Falou de cambio de xeración, vostede xa é dos maiores.
A verdade é que si. É algo normal porque o tempo pasa. Xa vivimos bastantes batallas e tamén estou contento por poder mantenerme na selección tantos anos e, como o resto de veteranos, tentando transmitir á xente que chega o legado, a ambición ou a calma. Como no seu día fixeron os veteranos que estaban cando cheguei: Raúl Entreríos, Viran Morros ou Dani Sarmiento ata hai pouco.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Fútbol | Copa del Rey
El Ourense CF perdió contra el Athletic y el Getafe también cae
fútbol | Copa del Rey
El Deportivo se mete en octavos tras batir al Mallorca