Manu Ochoa, un teixugo na procura do podio en París
Xogos Olímpicos | Caiac cross
O tomiñés Manu Ochoa afronta hoxe as quendas finais de caiac cross dende os cuartos de final (15:52, TVE)
Manu Ochoa chegou a última hora ós Xogos Olímpicos. Foi o derradeiro en confirmar unha praza tras acadala no preolímpico de caiac cross e despois ser designada pola Federación Española de piragüismo ante a dura competencia externa. Pode considerarse que entrou con nocturnidade a París, pero con eficacia. Como un bo teixugo, porque este é o nome do seu club, o Miño Teixugos de Goián. Unha entidade pequena que ten en París a un deportista olímpico, toda unha fazaña.
Clasificouse con nocturnidade pero iso non quere dicir que con falta de maña ou habilidade. Tras os dous primeiros días de competición, o de Tomiño amosou que, como bo teixugo, móvese moi ben nas augas revoltas do caiac cross. Así, superou a rolda cronometrada e a primeira fase sen dificultade grazas a súa boa saída. Tamén é certo que, coas prazas limitadas que hai nos Xogos Olímpicos, estes cortes foron case de trámite para eliminar ós padexeiros de menor nivel e os que non teñen experiencia nesta modalidade. Si a ten un deportista que gañou o preolímpico e fixo sexto na Copa do Mundo previa a París.
Chega con esa tarxeta, con boa forma e coa confianza de que ten a saída afinada, algo chave nunha modalidade na que compiten catro deportistas nunha canle estreita de augas bravas e na que a posición é algo fundamental. Unha sorte que Manu Ochoa manexa ben por forza inicial e, despois, por corpulencia física. Sabe meter a canoa pola liña correcta para evitar calquera tipo de adiantamento mentres outros teñen que loitar para desplazalo da liña máis curta no paso das portas, algo que non é nada doado.
Por isto, o tomiñés indice en que nos cuartos de final de hoxe, no que comparte quenda co dominador da especialidade nos últimos años, o británico Joseph Clarke, é máis chave que nunca saír diante para evitar a presión do esloveno Jakub Grigar, un palista rápido en slalom, e, sobre todo, do checo Jiri Prskavec, un dos mellores deportistas da historia no K1 slalom. Iso si, no cross pode ter problemas de adaptación.
Non obstante, cada quenda é unha pequena guerra, con esa saída fundamental na que Manu Ochoa é o gran especialista e un pouco máis chave se os rivais son rápidos nas probas en solitario, pero non tanto cando teñen que loitar no corpo a corpo do cross porque aí xa non se pode elexir trazado e as dificultades crecen.
En caso de pasar de rolda, o sistema é o mesmo, unhas semifinais con catro padexeiros e dous que seguen adiante. Outros quedan no camiño, sen repescas, sen segunda oportunidade. Os trocos de posición poden chegar por algunha penalización porque, ó ir catro barcos xuntos, poden existir toques, pero sempre cuns límites. Non serve levar por diante a un rival para sacalo da liña ou pegarlle na cabeza coa pada. O corpo a corpo ou, mellor dito, o barco a barco, existe, pero sen chegar á temeridade ou ó naufraxio.
En caso de chegar á rolda final, o horario está marcado para as 16:48 horas, de xeito que a sesión será intensa e a recuperación tras a acumulación de esforzos tamén resultará fundamental porque, polo formato, é imposible ter baixadas onde conservar.
Un teixugo non camiña en solitario e tamén é o caso de Manu Ochoa, que en París está acompañado por uns cantos compañeiros da localidade que o animan dende a bancada e onte estiveron con él tras a competición. Déronlle folgos coas bandeiras de Galicia ‘tuneadas’ para a ocasión e levaron unhas camisolas personalizadas coa faciana de Manu Ochoa. Un palista de Tomiño nunha actuación para a historia en París.
"Agora é máis complicado, vou co mellor do mundo"
O piragüista tomiñés Manu Ochoa clasificouse onte para os cuartos de final da proba de caiac cross dos Xogos Olímpicos de París ó gañar a súa quenda e esta tarde afronta toda a serie final coa ilusión de chegar ata a final e, incluso, ó podio. “Tiven un pouco de mellores sensacións que o primeiro día no referente á navegación. Sen demasiada dificultade logrei escaparme do resto na saída e facer en solitario toda a baixada. Non houbo problemas para superar a quenda", explicou sobre a rolda vivida onte.
Xa analiza que os problemas chegarán a partir de agora nos cuartos de final porque quedan os padexeiros de maior nivel e, no seu caso, con emparellamentos duros. “Xa o teño máis complicado porque vou co atleta que, probablemente, é o máis completo do mundo: Joseph Clarke”, describe o de Tomiño. Deste xeito, explica que "teremos que ver quen consegue saír primeiro. Esa é a parte difícil e o ideal sería que poidamos meternos os dous diante”.
De conseguilo, Manu Ochoa buscará manter unha das dúas primeiras prazas, que son as que dan o billete para as semifinais. Chegar é difícil, pero o de Tomiño é un verdadeiro especialista nesta disciplina.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último