Fútbol | Primera División

Fran Vieites, porteiro do Betis: “É moi importante non esquecer nunca de onde ves”

Fran Vieites, concentrado, no derbi que xogou co primeiro equipo do Betis no campo do Sevilla.
photo_camera Fran Vieites, concentrado, no derbi que xogou co primeiro equipo do Betis no campo do Sevilla.
“Sei que a afección cantoume, pero non escoitei polas collejas que estaba a apañar dos compañeiros”, di o canteirán do Celta

A voz de Fran Vieites (Pontecesures, 1999) soa serena cando descolga o teléfono. Xa pasaron 24 horas da súa sobranceira actuación na portería para axudar ó Betis a acadar os tres puntos fronte a UD Las Palmas. Inda ten no padal a parada ó misil de Coco, as apertas dos compañeiros e ó Villamarín enteiro berrando o seu nome. Atrás quedan o debut no campo do Barcelona, o derbi no Pizjuán, a chegada ó filial verdibranco, o crecemento no Celta e as primeiras atalladas no seu pobo. Momentos bos. Tamén malos. O gardamallas analizaos por igual: con tranquilidade e coa vista no presente.

Como foi ese momento das apertas cos compañeiros e o Villamarín aclamando o seu nome?

Ese momento é de celebración por eses tres puntos nun partido moi complicado. Fun abrazar a Pezzela e detrás viñeron os compañeiros a darme os parabéns polo partido. Sei que nese momento a afección cantou o meu nome, pero non o escoitei polas collejas que estaba a apañar dos compañeiros e polo que me dicían. Estou moi agradecido.

Que lle dicían?

¡Buf! ¡De todo! Son momentos de moita euforia. Eu respostaba dando grazas porque me sinto moi respaldado por todos eles. Sinto que me transmiten moita confianza e eu quero devolverlla.

Viu o partido?

Si. Esa mesma noite cando cheguei a casa.

E como analiza a súa actuación?

Tamén vin cortes con Toni Doblas, que é o adestrador de porteiros. A idea é buscar sempre puntos de progreso. Sempre que vexo un partido de fútbol, e máis un meu, tento analizalo buscando a mellora. O do domingo non foi diferente.

A de Coco foi moi espectacular.

Son accións tan rápidas que un non se lembra. Tiñamos analizado o seu gran golpeo así que estaba preparado. Recordo cando cargou e que toca en Andrés (Guardado), o que ralentiza un pouco a velocidade pero tamén colle máis veleno. Non hai tempo para pensar, o único que pasa pola túa cabeza é sacala e por sorte puiden facelo.

Falando de pasar pola cabeza, que lle pasa cando Pellegrini lle di que vai sair pola lesión de Rui Silva no campo do Barcelona. ¡Vaia estrea!

Sei que soa a tópico, pero realmente non da tempo a pensar nada. Eu trato de estar sempre preparado no banco, con todo listo a falta de poñer as luvas e a camisola. Rui xa fora ó chan anteriormente, así que tiven tempo de quecer e despois tamén no descanso co adestrador de porteriros con traballo algo máis específico. O míster díxome catro palabras e concentrado en facelo o mellor posible. Non foi o mellor resultado (5-0), pero é un día que xamais esquecerei porque foi un soño debutar en Primeira co Betis.

Como de grande é o salto dende Segunda Federación?

Cada un ten o seu tempo de adaptación, pero penso que acelerei ese proceso grazas a posibilidade de adestrar diariamente co primeiro equipo. É un plantel de moitísima calidade e te preparas para competir contra xente con moitísima calidade tamén. Isto é a elite. A máxima diferencia é a precisión, a capacidade de aproveitar os fallos do rival e a eficacia. A marxe de erro é moito máis pequena.

O outro partido que xogou foi no campo do Sevilla. Como se vive un derbi tan intenso como ese dende dentro?

Podo falar  do ambiente da previa, do post… Pero do partido en si só podo falar de fútbol. Neses 90 minutos que dura, máis os 15 de descanso, a cabeza só pensa no que está a acontecer no céspede. Un tenta illarse da contorna porque todo que te saque do foco do que está a pasar no campo vaiche restar eficacia. O traballo estabamos a facelo ben. Cambiaba o escenario, que era especial, pero sempre tentamos illarnos de todos os condicionantes externos e centrarnos no rendemento no campo, que ó final é o noso traballo.

Dese encontro deu a volta a España a aperta tan emotiva coa súa nai. Ás veces, o fútbol compensa tantos momentos malos.

Estoulle eternamente agradecido a ela por riba de todo.  Tamén ó clube por darme a oportunidade de estar aquí. Circunstancialmente, cadrou que puiden xogar ese partido tan bonito. Un nunca sabe o que vai acontecer, pero eu traballo coa ilusión  e a esperanza de que cheguen estes partidos e coa mentalidade de estar preparado para dar rendemento en todos os escenarios. Este en concreto foi moi bonito, miña nai e máis eu o vivimos con moita paixón e as imaxes falan por si soas. 

Dicía ela que lembraba moitos momentos. Lembra vostede tamén eses primeiros pasos en Pontecesures e en Bertamiráns?

Sempre, sempre. É moi importante non esquecer nunca de onde ves. Hai pouco visitei ó meu primeiro adestrador, que foron moitos anos con el. Fixo moito por min. Este verán tamén estiven en Bertamiráns, co meu adestrador dalí. En días como o domingo, nunca faltan mensaxes. Sempre teño presente as miñas orixes e estou moi agradecido por todo o que fixeron por min dende o primeiro día ata hoxe, que seguen a axudarme.

O seguinte paso foi o Celta. Como lembra o paso por Vigo?

Moi fermoso. Teño moi bos recordos e moi bos amigos tamén. Ademais, a experiencia de debutar na antiga Segunda B e verme capaz de competir na categoría.  Lembro eses cinco anos con moito agarimo e a progresión que tiven.

Canto mellorou dende aquela ata agora?

O crecemento non é só a nivel deportivo, tamén persoal. Os anos pasan e as experiencias están aí. Eu só trato de facer o meu traballo o mellor posible e axudar ós que teño ó meu lado.

E como é a vida nunha cidade tan especial como Sevilla con esa dualidade futbolística?

A verdade é que moi tranquila.  Son unha persona bastante caseira. Tamén me gusta estar cos meus compañeiros, meus amigos e coa familia cando vén de visita. Gozo do tempo con eles. Un día rutineiro está adicado ó adestramento e ó coidado persoal para poder render nos adestramentos e competir. E tamén distraerme un pouco cando podo cos compañeiros. Pero sempre coidándose.

Que perspectiva ten agora? Seguir no primeiro equipo, volver ó filial?

A miña perspectiva é a de seguir a traballar diariamente. Estou a disposición do clube para o que sexa preciso. Eles sabeno de primeira man, sexa primeiro equipo, sexa filial. A responsabilidade que me den, vou tomala coa máxima profesionalidade. Saben que vouno dar todo por este escudo e deixalo todo no campo.

 O 3 de xaneiro hai un Celta-Betis en Balaídos. O imaxina?

Iso indicaría que sigo a estar na rutina do primeiro equipo, así que sería unha boa nova.

Te puede interesar