“Vir ó Choco foi unha das mellores decisións que tomei”

ALBERTO SUÁREZ. Xogador do Choco e adestrador do Cadete A do Celta

Publicado: 18 abr 2022 - 00:25 Actualizado: 18 abr 2022 - 00:32
O mediocentro choqueiro e adestrador da base céltica, en Atlántico.

VICENTE ALONSO
O mediocentro choqueiro e adestrador da base céltica, en Atlántico. VICENTE ALONSO

Hai un par de meses que Alberto Suárez (Lugo, 1993) cumpriu 29 anos. Disque esa é a mellor idade para un futbolista. E xa se sabe que despois do fútbol vén o resto da vida. O mediocentro do Choco non quixo agardar pola seguinte etapa e uniu todas na mesma. Comezou unha prometedora carreira como adestrador -agora no Cadete A do Celta- e da clase de matemáticas no IES Val Miñor. E atopou tempo para visitar o set de Atlántico TV.

Cantas horas teñen os seus días?

(Ri). Ter, teñen 24, pero están moi ben aproveitadas. Ás veces é complicado, pero cando é algo que gusta, é moito máis doado.

E en cantas horas é quen de non pensar nas súas ocupacións?

Moi poucas. É algo no que mellorei porque no comezo custábame moito e o pagaba. É creo que é necesario.

Desconectar para poder conectar.

Exacto. Para cando fas algo ter todas as túas enerxías.

Como remata un rapaz lucense sendo unha peza chave da mellor etapa histórica do Choco?

Hai unha persoa clave en todo isto que é Marcos Montes. Sen dúbida. Se non fose por el, non estaría no Choco e seguramente tampouco estaría adestrando. Eu xogaba na Sarriana, pero como estudiaba aquí, adestraba durante a semana no Valladares de Marcos. A final de tempada saiulle a oportunidade de adestrar ó Choco en Terceira. Lembrouse de min -algo debín facer ben- e chamoume.

Unha boa oportunidade.

Si que é certo que dubidei un pouco porque xa estaba nun punto no que tiña o fútbol nun segundo plano. Ó final aceptei e foi unha das mellores decisións que tomei na miña vida deportiva.

A partires daí, indiscutible nun equipo cun modelo recoñecible.

Tiven a sorte de que todos os adestradores me deron confianza. Para un xogador coma min é moi importante o modelo de xogo para ter continuidade. En moitos equipos da categoría non xogaría.

Son 7 tempadas e 2 play-offs.

Levábanse anos facéndose as cousas moi ben. Non tiven a sorte de poder estar con Jacobo pero si con Marcos. Non só instauraron un modelo, senón tamén un xeito de traballar moi recoñecido e que deu resultados. É de agradecer.

Disque o fútbol é cíclico e este ano toca sachar.

Estamos no camiño. É un ano complicado para o clube dende o verán. A confección da plantilla foi difícil coa reestructuración de categorías e arrastramos iso. Dende xaneiro estamos mellor e coido que imos conseguir o obxectivo.

E por seguir coa historia do Choco, en que momento colle o Xuvenil e acada o primeiro ascenso a División de Honra do clube?

Inda me emociono cando o dis. Volvemos a Marcos. Daquela tamén era coordinador da base e insistiu moito en que comezase a adestrar. Primeiro con benxamíns. Para min foi un tolo por darlle o Xuvenil de Liga Nacional a un tío con dous anos de experiencia. Quedoume a mágoa de que el xa non estivese cando acadamos ese ascenso tan importante porque realmente foi un traballo seu.

Unha figura imprescindible na túa vida deportiva.

Sacou o meu mellor rendemento como futbolista e cando comezaba como adestrador, sempre nun mar de dúbidas, o primeiro que chamaba sempre era el. No que poda conseguir no fútbol, terá gran parte de culpa e estareille sempre moi agradecido.

E agora no Cadete A do Celta. Como é unha estrutura profesional?

Sentía que quería adestrar ós mellores e ver ata que punto era capaz de facelos progresar individualmente. Esa é a clave do fútbol base.

Van primeiros. Boas perspectivas?

Polo dagora todo vai moi ben. Gañamos todos os partidos de Liga. Estou encantado porque teño un grupo de rapaces dun altísimo nivel deportivo e dunha calidade humana tamén moi alta.

Seguirá no Celta o ano que vén?

Haberá que ver a final de tempada. Non depende só de min. Pero atópome moi cómodo no fútbol formativo. Non ter ese produto rematado que tes en sénior é unha vantaxe grande e gozo moito dese proceso.

A idade cadete é a que marca o cambio ó fútbol competitivo.

Están nesa etapa de dar un paso adiante. É unha idade na que o fútbol xa comeza a ser de verdade. Que algún, inda que pense que non, nuns anos pode estar xogando en Balaídos.

Daquela, hai materia prima para manter o alto nivel da base.

Sen dúbida. Estanse a facer moitísimas cousas moi ben. A canteira do Celta está preparada para seguir sacando talento.

Ademais, mestre de matemáticas. A favorita da rapazada, non?

(Ri). Polo xeral, non. Eu gozo dando esa materia. O mellor que lle pode pasar a un profesor é conseguir que a un alumno lle guste a súa asignatura. Iso é o máis bonito. E, sobre todo, que te demostren que eres unha persoa importante para eles.

Profe enrollado ou óso?

(Ri) Todo na súa xusta medida. Estamos preparando o futuro, as persoas do mañá. Temos que ser esixentes cos rapaces e ó mesmo tempo entendelos porque están en idades de moitos cambios.

Vive rodeado de adolescentes.

O máis bonito de ser adestrador é cando me atopo con xogadores que adestrei e te dan unha aperta. En dous anos, non lembras se gañamos ou perdimos aquel partido pero si do día que atopei aquel rapaz.

Tamén terá que lidiar cos pais.

É moi complicado. Coido que son un privilexiado por estar no Celta. Tamén nese aspecto, porque a relación cos pais a levan en coordinación. E no instituto tiven a sorte de non ser titor. Pero é delicado. Estánse a traspasar certos límites na sociedade que non deberían pasarse.

Novos tempos.

Lembro ser xuvenil no Lugo e adestrar co primeiro equipo e sempre estaba preparado para o que fixese falla. Daquela estaban Carlos Pita e Manu e se lle tiña que limpar as botas a esa xente, encantado. Agora é diferente.

Ata cando pensa compatibilizar?

Gústame comezar as pretempadas dicíndolle ós xogadores que os protagonistas son eles. E por esa frase, mentres poda e a situación o permita, tentarei seguir xogando.

E ata onde soña con chegar como adestrador?

No mundo do adestrador tes que gozar cada día porque é unha profesión moi complicada. A partir daí, os resultados marcarán onde podo chegar. Pero, sobre todo, o único que pido é que me siga facendo tan feliz como agora.

Contenido patrocinado

stats