Tirán manda na casa
Remo
O club do Con meteu a tres traiñeiriñas nas finais de hoxe (11:30), mentres que Chapela peleará pola vitoria nas dúas regatas sénior do Campionato Galego que se celebra en Moaña
O vento apareceu onte na Ría de Vigo para acompañar ás traiñeiriñas na primeira xornada do Campionato Galego desta modalidade, que se celebra en Moaña baixo a organización do club de Tirán. E, precisamente, a entidade do Con destacou porque meteu a tres das súas tripulacións nas finais de hoxe. Tamén sobresaiu Chapela que loitará polo título galego nas dúas regatas sénior.
Precisamente, entre as maiores, o barco ‘berete’ asinou o mellor rexistro do día e hoxe espérase unha final fermosa coa competencia de Cabo da Cruz e Tirán Pereira. Robaleira e Mecos completan a listaxe (12:05).
Pola súa banda, en homes, Chapela e Tirán estarán acompañados na final de Cabo da Cruz, Ares e Vilaxoán. Facer un prognóstico é moi complicado porque os catro primeiros barcos presentan un nivel moi similar. Aínda así, a tripulación de Boiro parece como principal candidata á vitoria (12:55).
No referente ás categorías inferiores, pasou á final de rapaces cadetes o barco anfitrión de Tirán Pereira, que defenderá a honra da Ría de Vigo porque vogará ante Boiro, Mecos, Puebla e Mugardos. En cativas, Vila de Cangas e Samertolameu entraron na final, na que tamén vogarán Boiro, Mecos e Puebla.
Aínda que onte non se chegaron a celebrar clasificatorias polo baixo número de participantes, hoxe si haberá finais xuvenís. Na feminina estarán Perillo, Bueu, Chapela e Robaleira, con claro favoritismo para o barco da Guarda. E en rapaces, reman Chapela, Samertolameu, Puebla, Urme e Bueu.
Todos os barcos tiveron que xestionar unha xornada de vento que, por momentos, foi forte e dificultou as saídas. Hoxe, a previsión é dun día con menos dificultade, pero Eolo aparecerá de compoñente norte, que no campo de regatas de Tirán favorece ós barcos que naveguen preto de terra. Un factor que pode ser chave nas probas nas que se rexistre unha maior igualdade. Ademais, é unha situación atípica no porto da Mosqueira.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último