Ares goberna ó ditado

Traiñeiras | Liga Galega A

A “Santa Olalla” mantén o seu pleno de vitorias e comeza a reducir a Liga A a unha loita por ser segunda, algo que non puideron facer Chapela e Tirán, terceira e cuarta, respectivamente

Publicado: 21 jul 2024 - 11:11 Actualizado: 21 jul 2024 - 11:21

A embarcación de Ferrolterra non ten rival nesta primeira metade da tempada na Liga Galega A.
A embarcación de Ferrolterra non ten rival nesta primeira metade da tempada na Liga Galega A.

Somentes van cinco regatas, pero a impresión é que a Liga Galega A está rematada. Ares gañou todas as bandeiras, incluida a de onte en Rianxo, e salvo o día de Chapela, cando o bote local apertou un pouco, non deixou espazo para ningún tipo de sorpresa. A “Santa Olalla” goberna ó ditado e o único que poden facer o resto dos barco é loitar pola segunda posición. Nesa batalla andan Chapela e Tirán, que onte cederon fronte unha Castropol que vai a máis.

Alí, no Barbanza, centro neurálxico do remo de banco fixo, coas regatas de ACT nesta fin de semana, Ares amosou que cando remate o verán quere estar de volta na elite. Polo dagora, repetir o vixente título de Liga é cuestión de non ter desgrazas nas oito probas que restan. O outro posto de play-off de ascenso é para Chapela polo dagora. Onte, Castropol superou á “Arealonga”, que rematou por riba de Tirán. Chapeleiros e moañeses igualan nesa segunda praza (51), cos asturianos a tres puntos tras encadear dúas boas regatas.

Establecida na segunda quenda segue Meira. Pode saber a pouco se tense en conta que “A Terca” vén de ACT, pero a profunda remodelación da tripulación condicionou a unha Samertolameu que pretendía evitar unha desgraza en forma de descenso e está a cumplir. Onte foi sétima.

Quen semella ter moi difícil evitar esa caída á Liga Galega B é Cesantes. O bote redondelán conqueriu un penúltimo posto a semana pasada, mais foi un espellismo. Onte entrou a 45 segundos de Cabo da Cruz B, penúltima, nun día moi duro para a “Illa de San Simón”, que segue como pechacancelas nunha liga coas posicións bastante afianzadas e sen moita pinta de mudar daquí ó final da tempada.

Contenido patrocinado

stats