Sufrir para gozar
Tirán Pereira superou a Zarautz e Ares no segundo treito da regata
A permanencia estará nun pano de puntos e chegará tras unha morea de padecementos. Onte, na Ikurriña de Orio, viviuse unha regata dura dende o aspecto técnico e a “Mar do Con” de Tirán Pereira gañou unha pequena batalla nesta loita porque superou no man a man a Zarautz e Ares, tras marchar na derradeira posición da quenda durante a primeira metade da regata. A paciencia dos remeiros, a motivación e a pericia de David Álvarez no posto de patrón serviron para asinar unha décima posición parcial que deixa ó barco moañés a un punto do barco coruñés e con cinco de renda sobre o pechacancelas.
A traiñeira morracense amosou unha mentalidade de ferro porque a regata comezou mal. Cedía a “Mar do Con” catro segundos no primeiro rego con Lekitarra e un barco cos seus rivais directos. Todo isto con malas sensacións no interior porque a banda de estribor non remataba de funcionar. A sincronización fallaba no inicio do segundo longo, pero os deportistas tiveron capacidade para axustarse e, dende as posicións de marca, mantiveron un bo ritmo Anxo Álvarez e Nico Boubeta. Pouco a pouco, co mar a favor, pero sempre golpeando polo costado, a traiñeira de Moaña adquiriu unha velocidade regular para igualar no ritmo a Ares e Zarautz. Todo o segundo longo mantívose a dous segundos dos predecesores e un novo aspecto chave chegou na baliza de terra na que David Álvarez -onte un factor diferencial-, meteu a traiñeira pegadiña á baliza para igualarse co barco vasco e quedar a un segundo de Ares.
O golpe foi duro para Zarautz, que comezou a perder terreo, e na terceira baliza, Tirán Pereira volveu a reducir diferencia con Ares. Quedaba a un segundo, que recuperou no último treito. En parte porque Ares, no seu percorrido a favor de ondas, atopou a Lekitarra e, tamén, porque Tirán, sen o favor do mar, meteuse preto da costa para evitar o vento. Así foi segunda de quenda e décima nunha regata que gañou a Santurtzi do moañés Nando Rúa. Un tesouro para o bote moañés, que segue na posición de promoción de permanencia, pero a un punto da permanencia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar