Samertolameu, última na súa Bandeira
Traiñeiras
Samertolameu non puido continuar a súa remonta e acabou última na súa Bandeira pero o seu exadestrador, Dani Pérez, acadou a vitoria na casa con Zierbena
Disque vogar na casa é unha vantaxe. Coñeces o campo, non tes viaxes, sintes os folgos dos teus ben preto. Pero, tamén, notas como a presión de non poder fallar agarrota os músculos. E, sobre todo, recordas a cruda realidade do que marca o potenciómetro cando as condicións do mar e do vento din que vai gañar o que máis watios mova. Foi o caso onte en Moaña. Meira afundiu para rematar última na súa propia Bandeira e non puido manter a sensacional dinámica que a levara a recurtar nove puntos en dúas fins de semanas a Santurtzi. Para Zierbena, en cambio, o efecto foi o contrario porque o moañés Dani Pérez, tan coñecedor do campo, aleccionou á perfección ós seus remeiros para apañar a vitoria por diante de Hondarribia e Urdaibai.
Unha dualidade de locais na que Samertolameu saiu mal parada. E puido ser peor. Santurtzi mantivo o ritmo de Kaiku nos dous primeiros longos e o de Ondarroa nos catro. De feito, estivo a piques de adiantala na meta. Apenas 40 centésimas mediaron entre ambas. Un leve parpadeo. O problema foi a enorme distancia á que entrou Meira, que fixo que Lekittarra acabase penúltima dende a segunda quenda. É dicir, perdeu dous puntos.
No que respecta ó bote moañés, non houbo moita historia que contar. Ou, máis ben, os watios foron os bardos que declamaron unha cantiga previsible. A mar picadiña e o vento forte no longo de volta é sinónimo de gañar por forza. E aí é onde Meira está en clara inferioridade. A pericia na remada ou o manexo do barco do patrón déronlle moi bos resultados en augas bravas, con moita onda. Onte, vogar na casa foi o seu peor inimigo.
“A Terca” tratou de aguantar o ritmo de saída, co vento a favor. E inda que perdeu algo de comba, unha maxistral ceavoga de Jacobo Gayo meteuno case á par con Santurtzi na volta a terra. Ata aí. Eolo meteuse enfronte, coma un muro, e non houbo watios suficientes para derrubalo. Samertolameu acusou o golpe psicolóxico de deixouse ir no último longo. Mala idea. Porque, inda que Santurtzi non superou a Ondarroa, Lekittarra caeu no medio das dúas para finalizar penúltima debido ó seu pésimo rendemento na segunda quenda, na que Cabo foi de menos a máis para rematar sexta na Bandeira.
Só quedaba ver quen ía levar a vitoria en Moaña. A líder Urdaibai partía coma favorita, mais non tivo o día. Hondarribia sabía que tiña que botar o resto para gañar e apertar a xeral. E así o fixo. Tanto, que quedou sen folgos no durísimo último longo de onte. O vento en contra esixiu ó máximo ás tripulacións. E se alguén o sabía entre os favoritos era Dani Pérez. O adestrador moañés de Zierbena coñece este campo como a palma da man. Por iso, o seu bote dosificou e no último retorno baleirouse, rebasou a “Ama Guadalupekoa” e entrou primeiro en meta para gañar a Bandeira. Alguén foi profeta na súas augas, pero non foi Meira, que apañou culler de pau na casa do ferreiro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
tenis en silla
De la Puente seguirá junto a Róber Rodríguez
Fútbol | segunda federación
El Coruxo obtiene la cesión de Pelayo García hasta fin de curso
Lo último