A ensenada de Chapela
As augas de Cesantes asistiron a unha nova exhibición do barco laranxa, que voga sen rival nunha Liga Galega Feminina que apunta a gañar con pleno de vitorias en tódalas regatas
Mentres as remeiras de laranxa manteñan a motivación e a ilusión, non deixarán de caer Bandeiras no que queda de verán. Chapela non ten rival na Liga F e onte volveu amosalo en augas do seu propio municipio, pero non da súa parroquia. Alí, en Cesantes, as líderes transformaron a ensenada de San Simón na ensenada berete.
A superioridade volveu quedar clara cos case 20 segundos que Chapela acadou sobre Mugardos, a mellor traiñeira do resto. Despois veñen todas as demais, entre elas a de Cesantes. O bote flúor está a asinar unha moi boa campaña e onte finalizou no cuarto lugar tirando partido do sempre particular campo de regatas do fondo da Ría de Vigo.
Tan fantástica paraxe reuniu a un bo anaco de siareiros na praia da parroquia redondelana para animar a candanseu equipo. Por sorte -para os beretes- ou por desgraza -para o resto- a diferencia de nivel volveu ser demoledora. Se non acontece nada estrano, Chapela vai gañar todas as regatas da Liga Galega e será ó final do verán cando atope rivais á altura na tentativa de ascenso a ACT.
Cesantes repite regata hoxe, desta volta coa Liga A (17:00, TVG2). A Liga F, pola súa parte, viaxa a Castropol (17:00).
Por outra banda, a Liga B tamén celebrou regata onte. Foi no Grove, na Bandeira do concello grovense. Muros-Esteirana acadou a vitoria, con Mugardos-A Cabana en segundo lugar. Chapela B foi cuarta, posto que replica na xeral.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
tenis en silla
De la Puente seguirá junto a Róber Rodríguez
Fútbol | segunda federación
El Coruxo obtiene la cesión de Pelayo García hasta fin de curso