Fútbol | Segunda Federación

David Añón, futbolista do Coruxo: “Non descarto seguir, pero non quero dicilo antes de tempo”

Añón sorrí sobre unha das pontes sobre o principal acceso á Coruña.
photo_camera Añón sorrí nunha das pontes sobre o principal acceso á Coruña.
“Como son ambicioso, foi agrio quedar sen play-off; non por min, senón polos compañeiros”, di o futbolista do Coruxo

David Añón (A Laracha, 1989) mételle un sorbiño ó café. E pensa. E fala. E ri. Na Coruña, onde vive de novo hai máis dun ano, está relaxado depois da tolemia de tempada nun Coruxo no que foi o xogador máis determinante. Con tantas subidas e baixadas, prefire non pensar nun futuro que decidirá nun par de semanas. O equipo verde quere que siga. Outros queren fichalo. Pero el só saborea bo traballo, o pracer de convivir coa rapazada e a satisfacción de superar o mal momento do ano pasado. Tamén poder esquivar, alomenos nuns meses, o seu amor-odio co tren e cun traxecto diario entre as dúas cidades máis importantes de Galicia que xa coñece de memoria. “O maquinista pode marchar se quere. Xa o levo eu”, bromea.

Algunha vez viviu unha tempada tan tola coma esta?

A verdade que non. Pero o bonito do fútbol é que nunca para de sorprenderte. Despois das primeiras dez xornadas, pareciamos condenados a descender si ou si. Pero xusto cando peor estabamos, cunha chea de baixas -apenas eramos once futbolistas-, comezamos a gañar partidos. 

É que chegaron a ser colistas. Como son esas semanas tan complexas no vestiario?

A todo o mundo lle entran dúbidas. Pero entre todos entendimos que había que voltar ó básico e xerar automatismos para ser recoñecibles en cada fase do xogo. Sobre todo, saber o que vai facer o compañeiro (ri). A partires daí chegan as vitorias, xa eres un pouquiño máis guapo e gañas confianza.

E á inversa. Neses intres nos que todo sae, o equipo meteuse en play-off. Cal foi a clave da melloría?

Houbo un cambio de automatismos. O corpo técnico estivo moi ben, detectou o problema e comezamos a simplificalo todo. Empezamos a funcionar, cunha xeira que parecía que acababamos en play-off. O noso almanaque estaba moi condicionado porque as primeiras xornadas foron contra os que quedaron arriba na táboa e o resto era moito máis parello. E así se viu, que entre o quinto e o décimo cuarto houbo moi pouquiños puntos de diferencia.

Que sabor pesa máis: o doce de acadar a permanencia ou o agrio de non meterse no play-off?

Como son ambicioso, foi máis ben agrio. Xa non por min, que xogar un play-off non me ía cambiar a vida. Nin tan sequera ascender. É polos compañeiros. Un síntese amolado por eles. Ves o traballo do equipo e do corpo técnico, esforzándose nesas semanas malas sen unha mala cara e a sensación que te queda é de pena. Porque ves que o tes aí e o deixas escapar... A min fodeume por eles. Pero como son moi novos, ogallá o poidan vivir. 

É que, con 35 anos, foi xunto a Alberto, Mateo e Andriu o veterano dun grupo con moita mocidade. Como levou ese rol?

Encántame. Hai veteranos que semella que queren amosar unha autoridade, pero para min todos somos iguais. Gústame que aprendan de min, pero eu aprendo moito deles. Nun vestiario, o rol que adoptas non está só determinado pola idade, senón polos feitos. Tento servir de exemplo positivo, pero dende o traballo e a humildade. Que eles vexan que o que importa é o que fas no día a día.

Nese senso, destacou a súa conexión con Davo. Os Davides meteron a metade dos goles do equipo.

Temos unha complicidade moi grande porque é un cacho de pan. É un neno moi bo, que está tolo da cabeza. Axuda moito o que xera no vestiario, xogue ou non. Porque a comezos de tempada, tiña poucos minutos e esforzábase como o que máis. Iso fala moito da súa personalidade. Ver a súa evolución, porque o Davo do arrinque non é o mesmo que o dagora, ponme moi contento.

Como lle axudaba?

Eu picáballe moito cos goles. Cando chegou ós dez, dicíalle que non se parase aí e que fose por máis. Ogallá que poida chegar o máis alto posible. Tanto el como o resto dos rapaces.

O outro David foi De Dios.

Eu tiven un ano nefasto no Celta B con David, e desta volta foi todo o contrario. Daquela era un neno e agora é un home moi maduro. Foi moi listo en detectar as situacións e os momentos do equipo. A principios de tempada, non estabamos ben, pero el soubo transmitir tranquilidade xunto ó seu equipo, Ropero, Marcos e Javi Maté, que sería inxusto non nomealos. Fixeron un gran traballo nun ano que non era doado, con tantos cambios. Se van seguir no Coruxo por algo é.

Habería gañas de reivindicarse tras ese virus na tempada anterior.

Foi o peor ano da miña carreira. Non puiden estar dispoñible, sobre todo nos malos momentos do equipo. E forzar para axudar prexudicoume porque non estaba para xogar. Colles malas sensacións e replantéxaste se é o momento da retirada.

Menos mal que seguiu.

(Ri) Pero, precisamente, por todo o que pasei, tiña claro que quería rematar con bo sabor de boca este ano pasase o que pasase. Independentemente dos números, que a min non me din nada, as sensacións foron moi boas. Puiden axudar ó equipo, sentinme importante e determinante, que ó final é o que quero. Foi un ano duro, pero rematei moi contento.

Unha experiencia máis. Outra foi xogar en Polonia. Como lembra aquel curso 2018/19 no Katowice?

Foi a mellor experiencia da miña vida e iso que os tres primeiros meses foron os máis duros que pasei. A adaptación foi terrible coa barreira do idioma e o seu xeito de ser. Pero a partires daí, desfrutei moitísimo. Vivín o fútbol 100% profesional, con estadios ateigados de xente. Encantado. Eu rematei moi contento e o equipo tamén. Tanto que, de feito, renovoume. 

Porén, non seguiu aló. Que aconteceu?

As cousas da vida. Tiven que voltar porque o meu sobriño padeceu unha enfermidade moi grave. Pero eles inda me chaman tódolos anos para que vaia. Sentirse futbolista profesional é unha experiencia que lle recomendo sempre ós meus compañeiros. Se teñen a oportunidade, que a aproveiten.

 

“Botei once anos no Dépor e sempre vin ó Celta como un gran rival, pero nunca como un inimigo”

 

Tamén chama a atención que como coruñés e canteirán do Dépor, co que debutou en Primeira, xogase dous anos no filial do Celta. Como é esa dualidade?

Estas cousas van na personalidade de cada un. Eu botei once anos no Dépor e sempre considerei ó Celta como un gran rival, pero nunca coma un inimigo. E mira, circunstancias da vida, quería saír de Albacete, o Celta fixo unha aposta moi importante por min e non pensei en que fose máximo rival nin nada diso. Ademais, eu creo que cantos máis equipos galegos estean o máis arriba posible, moito mellor para todos. 

De volta ó presente, volveu vivir na Coruña e foi tódolos días a Vigo no tren. Como é a experiencia ferroviaria?

O maquinista pode marchar se quere porque se fai falla, xa o levo eu (ri). Ó final son máis de tres horas diarias porque, en teoría é hora e media de traxecto, pero nunca é así. Non imos falar mal deles porque os traballadores son encantadores, pero a puntualidade británica non é o seu. Bromas aparte, faise pesado. Sobre todo nos días de menos carga, tipo os luns ou os venres. Levoo mal porque semella que botas máis tempo no tren que traballando. Mércores e xoves, mellor. Pos o modo avión ou, neste caso, o modo tren. Pero éche duro. 

E para rematar, imos co futuro. Sei que ten unha oferta de renovación do Coruxo. Vaina aceptar?

Pois o certo é que non o sei. Pregúntame moita xente e o clube quere que siga porque falei con Gustavo (Falque, o presidente). Pero a verdade é que o que quero é marchar de vacacións. Teño que limpar a cabeza e decidirei ó voltar. Sei que hai interese de varios sitios, pero polo dagora non me chamou ninguén. Non descarto seguir no Coruxo, pero tampouco quero dicilo antes de tempo. Ademais, que isto xa comeza a ser unha cousa de dous, porque estou casado e iso implica moitas cousas. Témolo que valorar e veremos. O que está claro é que decidamos o que decidamos, falarei antes que nada co clube porque sempre se portou moi ben comigo.

Te puede interesar