Chapela roza o dobrete nas traiñeiras

Traiñeiras

O club de Redondela gañou o Teresa Herrera en mulleres e foi segundo en homes nunha categoría na que Ares acadou a primeira posición e Tirán Pereira rematou terceira

A embarcación de Santurtzi superou onte a Samertolameu na loita por evitar o descenso directo na Liga ACT.
A embarcación de Santurtzi superou onte a Samertolameu na loita por evitar o descenso directo na Liga ACT.

Longas ondas da Coruña. Metro e medio de altura, aínda que pouco vento. Algo que agradeceron os remeiros nun lugar mítico, sempre especial, para o remo galego. É a enseada do Orzán co fondo da praia de Riazor. É a regata Teresa Herrera, pura historia das traiñeiras e onte escrita con boa letras para Chapela, que viviu unha xornada de gloria que rozou a perfección. Faltou a vitoria dos homes para pechar un domingo para a historia.

En mulleres o prognóstico falaba dun claro favoritismo das beretes pero tiñan que cumprir en regata. E o bote chapeleiro gañou con solvencia e cun rendemento notable ó deixar ó seguinte barco a 51 segundos. Unha distancia importante, amplia e clara para asinar unha das mellores actuacións do ano e confirmar que as de Redondela chegarán á clasificatoria da Concha, en semana e media, nun bo momento de forma. Cesantes subiu ó terceiro chanzo do podio, toda unha conquista para a “Illa de San Simón”.

En homes, a tripulación de Juan Zunzunegui realizou unha saída forte, para marcar diferenzas e meteu a proa por diante de Ares, gran favorita. Na primeira ceavoga marchaba Chapela no liderado, pero en terra estaba a regata en igualdade. Durou ata ese punto porque o barco de Ferrolterra rachou a regata no terceiro longo.

Chapela mantivo o ritmo para asentarse no segundo posto e aguantar o ritmo de Tirán Pereira, que rematou con forza para ser terceiro. Bueu, que marcou o mellor tempo na clasificación do sábado, quedou na cuarta praza e Castropol foi quinta. Samertolameu B pechou a regata.

Contenido patrocinado

stats