traiñeiriñas

Cabo da Cruz manda

Samertolameu acadou a vitoria na categoría xuvenil da Bandeira Concello de Moaña.
photo_camera Samertolameu acadou a vitoria na categoría xuvenil da Bandeira Concello de Moaña.

O club de Boiro acada tres podios en Moaña cunha vitoria e Samertolameu domina en xuvenís

Xornada marcada onte por un vento decrecente no campo de regatas da Mosqueira, na Bandeira Concello de Moaña, que dificultou o vogar das embarcacións femininas e xuvenís e, a continuación, condicionou a competición absoluta sénior, na que existiu un puco de xogo pola participación de Cabo da Cruz nesta proba.
O club de Boiro, que habitualmente compite no territorial norte, aproveitou o domingo para acudir ata a Ría de Vigo. Sen resultados previos, todas as súas traiñeiriñas tiñan que remar na quenda inicial. En sénior era o barco favorito porque esta tempada é o único club de Galicia con representación na Liga ACT. 
Coa súa participación, Tirán Pereira optou por inscribir a un barco máis para probar cunha tripulación forte no man a man co bote de Boiro na primeira tanda da xornada que, deste xeito, resultou dun extraordinario nivel, con vitoria para Cabo da Cruz e segudo posto para Tirán B. Serían o gañador e o terceiro na regata porque Bueu, xa dende a cuarta quenda do día e con algo menos de vento, meteuse entre eles. Samertolameu meteu ás súas traiñeiriñas na cuarta e na sexta praza. 
En mulleres, a regata estivo marcada polo duelo entre Riveira e Cabo da Cruz. A vitoria foi para as primeiras por escasas 35 centésimas. O podio completouno Tirán Pereira a máis de medio minuto da parella cabeceira. A bandeira recaiu en Riveira, xa que a sénior é a única categoría de mulleres. 
Na categoría xuvenil masculina, a vitoria recaiu en Samertolameu de Meira, que amosou de novo o seu gran nivel este ano. Superou en máis de nove segundos a Cabo da Cruz. O club boirense, con esta segunda praza e a vitoria en sénior de homes, levantou a Bandeira Concello de Moaña. 
A tempada de traiñeiriñas continúa este fin de semana con dúas novas citas. O sábado en Bueu e o domingo en Redondela, nunha proba organizada polo Círculo Cultural de Cesantes.n

Te puede interesar