FRANCISCO CASTRO Editor e autor, presenta “Tantos anos de silencio”

“Non coñezo unha forma mellor para loitar contra o fascismo que a cultura e a educación”

Francisco Franco presentou onte a “Tantos anos de silencio”.
photo_camera Francisco Castro presentou onte “Tantos anos de silencio”.
 Francisco Castro (Vigo, 1966) presentou onte nun acto en El Corte Inglés a súa última novela, “Tantos anos de silencio”, recén saída do prelo. O

director xeral de Galaxia fai unha nova incursión na literatura cunha trama onde reivindica a recuperación da Memoria Histórica, ao tempo que fai un chamamento contra a violencia machista. Desa convivencia entre un suceso acontecido en xullo de 1936 e outro na actualidade falou para os lectores de Atlántico.

En “Tantos anos de silencio” conta un acto de represión franquista. Está inspirado dun feito real?
Ningún dos personaxes existíu, pero houbo moitos que podían ter sido os protagonistas desta novela, dende intelectuais a membros da clase alta comprometidos coa República que foron represaliados, como militares franquistas que aproveitaron a guerra para requisar propiedades.
E as localizacións tan detalladas, tamén son froito da imaxinación?
O pazo de Flavia é totalmente ficticio, aínda que recrea en todo a estas construccións. Todo transcorre no mesmo escenario de xeito consciente. Quería crear sensación de claustrofobia para que o lector compartise ese sentimento ante peche dos presos.
Ao tempo conta unha historia paralela sobre o maltrato ás mulleres na actualidade. É unha equiparación buscada?
Si, porque é a violencia dunha e doutra é idéntica. Os que maltratan as mulleres son fascistas que non toleran que pensen por si mesmas. A terceira forza política de España é a que nega os dereitos das mulleres, pero tamén do colectivo LGTBI. Os mesmos fascistas que non queren que Ana, nen Ánxela (as protagonistas da novela en épocas distintas) sexan libres.
Para abordar a violencia machista escolle a unha muller profesional e intelectual, foxe así da tipificación da víctima?
Iso é algo que me interesa moito, rexetar un perfil único da víctima. Non ten que ser de pouca formación ou baixos recursos para ser maltratada. Tamén o poden ser prefesionais de prestixio con acceso á información. Non hai máis que ver a realidade.
A violencia machista tense convertido nunha lacra social, como se pode loitar contra ela?
Temos que pensar que se pode, pero hai moitos motivos para ser pesimistas como o apoio que recibe Vox, unha forza política que quere acabar cos dereitos dunha parte da poboación. A solución contra o seu avance é promover os libros e as lecturas. Como dicía o doutor Emilio Varela en “Tantos anos de silencio”, non coñezo unha forma mellor para loitar contra o fascismo que a cultura e a educación.
Na contextualización da trama mostra a dificultade para excavar as fosas comúns. Reproduce o procedemento cotiá?
Hai moita documentación detrás. Non me podía permitir o luxo de pasar algo por alto. Foi moi pulcro á hora de describir cada paso da exhumacións. Tamén investiguei en profundidade as condicións nas que se atopaban os presos políticos, o que comían ou os traballos forzados que tiñan que facer.

Te puede interesar