vigo

O neofalantismo como chave para revitalizar linguas minoradas

Fernando Ramallo.
photo_camera Fernando Ramallo.
 O futuro das linguas minoradas é un tema de especial interese para os investigadores do ámbito da sociolingüística. Moitos deles, conscientes de que se trata dun contexto no que os idiomas están en continuo movemento, sinalan que estamos ante “o tempo do neofalantismo”, un tempo que ten que ser, “necesariamente limitado”.

Este papel dos neofalantes como factor clave para a revitalización das linguas minoradas é un dos puntos de estudo do libro Neohablantes de lenguas minorizadas en el Estado español, un volume que recolle as primeiras conclusións dun proxecto de investigación no que están involucrados investigadores de Galicia, Euskadi, Aragón e País Valenciano. 
O traballo está coordinado polo profesor do Departamento de Tradución e Lingüística e director da Área de Normalización Lingüística da UVigo, Fernando Ramallo xunto con Estíbaliz Amorrortu da Universidade de Deusto e Maite Puigdevall da Universitat Oberta de Catalunya.

O volume consta de dez capítulos nos que 14 investigadoras e investigadores abordan as diferentes casuísticas que se dan no territorio nacional no proceso de neofalantismo en galego, éuscaro, catalán e aragonés. O libro tamén repasa algúns dos retos que o suxeito neofalante ten no futuro máis inmediato. En concreto, remarca Fernando Ramallo, “cremos que se teñen que crear e fortalecer as condicións para a súa conformación como suxeito clave para o mantemento das linguas minoradas”.
Este é o primeiro estudo que se publica en castelán, coa intención de que chegue a un público xeral interesado nas minorías lingüísticas ben sexan ou non falantes das mesmas.
En relación á situación do neofalantismo en Galicia, o profesor Fernando Ramallo considera que nos atopamos nun momento histórico no que conflúen dous procesos sociolingüísticos contraditorios. Explica que “dunha banda, está a transmisión interxeracional, claramente deteriorada por razóns ben coñecidas; doutra banda, a transmisión intraxeracional, que é a que dá oportunidade ao xurdimento do suxeito neofalante”.n

Te puede interesar