A excelencia creativa galega, nos Premios da Cultura 2023

Yolanda Castaño, Eduardo Pardo de Guevara ou Portocabo atópanse entre os gañadores

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2023 fixo pública onte a relación de galardoados con estas distincións este ano, após unha reunión que estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Así, os recoñecidos foron: Yolanda Castaño, na categoría de Letras: o Museo de Gravado á Estampa Dixital, na categoría de Artes Visuais; PistaCatro, na categoría de Artes Escénicas; a banda de música Unión de Guláns, na categoría de Música; Portocabo, na categoría Audiovisual; Ponte... nas Ondas!, na categoría de Lingua; Eduardo Pardo de Guevara, na categoría de Patrimonio Cultural; e os cursos de verán “Galego sen Fronteiras”, na categoría de Proxección Exterior.

Ademais do conselleiro, o xurado estivo formado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e profesionais de recoñecido prestixio como Fina Casalderrey (en representación da Real Academia Galega); Elena Vázquez Cendán (Consello da Cultura Galega); Esperanza Gigirey (Museo das Peregrinacións); Carla Reyes (Executivas de Galicia); Patricia Hermida (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Estíbaliz Veiga (actriz, pedagoga teatral e guionista).

Con estes galardóns, a Xunta recoñece cada ano a “excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural” de Galicia, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que “enriquecen a realidade e a identidade cultural” da Comunidade.

Categoría de letras

A poeta Yolanda Castaño, premiada na categoría de Letras, tamén gañou recentemente o Premio Nacional de Poesía pola súa extensa obra literaria. Dende o seu primeiro poemario -”Elevar as pálpebras” (1995), co que gañou o Premio Fermín Bouza Brey- até o último, -“Materia”, que obtivo o Premio da Crítica de Poesía Galega en 2022- publicou máis dunha ducia de textos poéticos, moitos deles premiados e traducidos a distintas linguas.

Te puede interesar