CULTURA

O escultor Xosé Cid, novo patrón de honra da Fundación Curros Enríquez

Miguel Santalices, Xosé Cid, Antonio Puga e Rosendo Fernández.
photo_camera Miguel Santalices, Xosé Cid, Antonio Puga e Rosendo Fernández.
O artista recibiu a medalla de prata coas cinco "c" concéntricas nun acto solemne no que se lembrou a Celso Emilio Ferreiro
O "faro cultural de Galicia", Celanova, -así se referiu á vila de San Rosendo o conductor do trixésimo sexto Premio Celanova Casa dos Poetas, José María Paz Gago- non se apagou malia a difícil situación sanitaria actual. Engadiu o actual rexedor local, Antonio Puga que, Celso Emilio Ferreiro, de vivir nestes días, sería quen de plasmala nunha creación poética. Precisamente, este domingo e co gallo do 41 aniversario do seu pasamento, o escritor celanovés foi recordado diante do seu monumento cunha ofrenda floral e coa lectura, na voz du seu fillo Xabier, dun fragmento do poema A herdanza. 
No impoñente claustro barroco celanovés tivo lugar a segunda parte dun acto solemne no que o escultor nado en Santa Cruz da Rabeda, Xosé Cid, recibiu a medalla de prata coas cinco "C" de Acisclo Manzano -Casa, Curros, Celanova, Castor e Celso- así coma un gravado de Baldo Ramos que xa o distingue como patrón de honra da Fundación Curros Enríquez. A entidade recoñece deste xeito a Cid -que abriu o seu primeiro taller en Mesón de Calvos no ano 1960- o seu labor a prol da cultura galega, que se plasmou en obras como O afiador de Santiago, A familia de Taboadela ou a escultura de Breogán na Coruña, tal e como recordou José Antonio Ocaña.
Xosé Cid foi autodidacta, comezou a traballar aos 14 anos e formou parte do grupo que Vicente Risco bautizou como "os artistiñas". O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo louvaron a traxectoria artística de Xosé Cid. "Os premios non son regalos, son conquistas. Xosé Cid levará este premio e a Celanova polo mundo adiante", asegurou Rosendo Fernández. "Traballou a reo e sen facer ruido. Con rigor e seriedade", engadiu Anxo Lorenzo. Pola súa banda, Miguel Santalices destacou "a xenerosidade" de Cid, autor da última escultura adquitida polo Parlamento Galego. O quinteto de vento da Banda de Música de Celanova e o grupo O gaiteiro de Penalta puxeron a nota musical.

Te puede interesar