Atlántico

VIGO

O Día das Galegas nas Letras homenaxea o xoves a Xela Arias

 A sexta edición do Días das Galegas nas Letras homenaxeará a Xela Arias este xoves. Organizada pola plataforma feminista de crítica literaria A Sega, terá lugar na pista de Educación Vial do Castro.
Xela Arias, a homenaxeada da Sega.
Xela Arias, a homenaxeada da Sega.
O Día das Galegas nas Letras homenaxea o xoves a Xela Arias
A xornada acollerá un programa de actividades ao longo de todo o día. Comezará ás 12 horas cun roteiro pola vida de Xela Arias, guiado por Susana Aríns, integrante de A Sega e presidenta da ONG Implicadas no Desenvolvemento.
Unha hora despois terá lectura do manifesto do Día das Galegas nas Letras, seguido por unha sesión vermú coa actuación de Dúas Gamberras e un micro.
Tras o xantar popular, retomaranse as actividades, ás 16 horas, con música e poesía da man de Arancha Nogueira e Sanny. Media hora máis tarde, collerá o micro Cristal Méndez Queizán.
A música chegará da man das pandereitas de Verducido, para continuar con Alba María e Queco, que continuará con música e regueifa.
Silvia Penas protagonizará a performance artística, con poesía. Para finalizar Laura La Montagne e Mai tomarán o micro coa súa proposta musical.
A partir das 17 horas, Nuria Vil dirixirá o obradoiro de camisolas con prendas brancas ou de cor clara para inscribir versos da homenaxeada. 
Xela Arias Castaño (Sarria, 1962, Vigo, 2003) foi proposta en dúas ocasións, para ser a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas en 2014 e 2015. A  súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
A Sega celebrou tamén en Vigo en 2016 este día de recoñecemento a figura da muller na poesía. Naquela a homanexeada foi María Xosé Queizán. No seu parque que leva o seu nome, en Isaac Peral, descubríuse unha escultura conmemorativa.