Cultura

Ana Abad gaña o certame de Memoria Histórica da Deputación

Ana Abad recibíu o premio da man da deputada María Orga
photo_camera Ana Abad recibíu o premio da man da deputada María Orga
A dramaturga viguesa Ana Abad de Larriva recibiu da man da deputada María Ortega o premio do I Certame de Memoria Histórica da Deputación provincial de Pontevedra. “É importante que haxa plataformas para visibilizar historias de memoria histórica, que forman parte da historia de Galiza, do noso común, do que somos agora”. Así o manifestou a gañadora do premio do certame organizado en colaboración con Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD).
A peza gañadora foi “Un biolo na noite”, escollida entre os 22 traballos presentados pola súa empatía ao abordar a situación das mulleres na guerra e na posguerra en Galicia, así como polos recursos teatrais e o “excelente” tratamento lingüístico. Está baseada en feitos reais: a historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui, que logo do golpe franquista -e durante catro anos-  viviu agochado nun furado na adega da casa da súa nai María, figura que se pon en valor por percorrer os montes para irlle buscar as menciñas ao fillo e vender roscas na feira para poder mantelo. 
Ana Abad de Larriva agradeceu á Deputación a creación de certames como o do Microteatro da Memoria pola posibilidade de visibilizar e poñer na luz historias como a de María, “que están no cotiá e que coa súa pequena gran achega abriron moita luz no medio da escuridade”, subliñou. Agradeceu tamén á deputada de Memoria Histórica María Ortega a súa aposta polo teatro como ferramenta para chegar á xente porque “as artes escénicas son un bo medio para traballar dende a palabra e dar vida a estas persoas”. 
Pola súa parte, a deputada María Ortega subliñou que o certame de Microteatro naceu dentro do proxecto ‘O Pasado Por Vir’como unha necesidade de buscar outros estilos de comunicación e linguaxes para achegar a temática da memoria histórica sobre todo á xente máis nova. Destacou que é preciso “recuperar as ideas da Galiza de antes do golpe, a súa potencialidade, e o que ese golpe e parálise e dor representou para milleiros de galegos e que aínda hoxe estamos a sufrir as consecuencias”.

Te puede interesar