Fútbol e cultura felinas

Sergio Álvarez estivo na presentación da revista “O Dez” para misturar ambos mundos

Publicado: 16 jul 2021 - 02:18 — Actualizado: 17 jul 2021 - 01:30
Sergio sorrí embaixo da máscara mentres fala de fútbol e de cultura con toda naturalidade.

DAVID FERNÁNDEZ
Sergio sorrí embaixo da máscara mentres fala de fútbol e de cultura con toda naturalidade. DAVID FERNÁNDEZ

Os tópicos existen por algo. Principalmente porque hai moito certo tras eles. Non sempre ten por que ser algo malo. Ou si. Principalmente porque limitan. Encorsetan. Non hai como a comodidade dun pensamento prestablecido para non esforzarse en ver máis aló. Por iso, dicir que xogadores e siareiros de fútbol son unha sorte de langráns, iletrados, que non len máis aló das ‘stories’ do Instagram é unha vaguedade tan baleira como afirmalo de calquer outro sector. Demasiado doado.

Como nunha boa caldeirada hai de todo. Sergio Álvarez da fe despois de 17 anos de traxectoria. Gusta da lectura, gusta da cultura, gusta do idioma. Igual que o equipo da revista “O Dez”, que leva varios anos amosándolle ó mundo que o fútbol é compatible con calquera cousa. O xa exporteiro -como custa escribilo- do Celta estivo onte na librería Cartabón para presentar o número 8 da publicación. E para desterrar tópicos. “É como en tódolos traballos. Hai de todo. Pero si que atopas xogadores que lles gusta ler, estar actualizados, saber un pouco máis", resume o de Catoira.

Sergio dase conta dese prexuízo de que ó futbolista non lle interesa nada fóra da súa burbulla. “Coido que todo iso ven dos que mandan no fútbol, que nos queren vender como deuses. Non somos ningún deus, somos persoas normais, coa nosa vida, as nosas familias e as súas inquedanzas”, reflicte como reivindicación.

E o máximo paradigma dunha cultura é o idioma. Ese que o defensor da portería do Celta leva falando toda a súa vida con naturalidade. Para el é o normal. Pero sempre é fundamental que haxa referentes. E máis nun momento no que a ameaza sobre o galego é palpable. “Non sei se son consciente pero si que sei que é importante que me vexan", apunta Sergio, que comparte con outro porteiro -este de balonmán-, Rodrigo Corrales, ese agarimo e esa responsabilidade co idioma. “Que os nenos vexan que figuras tan recoñecibles coma nós empregan o galego como primeiro idioma é clave”, asume con humildade. “Pero non o falo porque me vexan, senón porque é como me sinto máis natural. É o que levo facendo toda a miña vida”, aclara.

Nesa responsabilidade co idioma, Sergio recoñece que ten animado a algún compañeiro. “Falade galego, que non custa tanto. É algo propio", dixo na caseta máis dunha vez. “Pero bueno”, inicia con comprensión. “O que me dicía máis de un, era que non podía expresarse como quere porque cando era cativo o seu entorno non o falaba”, confesa. “Despois é difícil sentirse cómodo en público. Hai que entendelo”, comenta, mentres se mergulla no ensalzamento de Vitor Baía ou Iker Casillas ou a inquedanza de ter diante a Cristiano Ronaldo ou a Messi -ó que ficharía para o Celta- antes de rematar co que lle dicía ós seus compañeiros e que ben vale para a toda a sociedade galega: “Eu sempre pedíalles que fixeran un esforzo”. Paga a pena. Igual que desterrar tópicos.

“Valorei que o meu corpo dixo ‘ata aquí’ pero foi duro”

Sergio Álvarez tamén tivo tempo durante a presentación do número 8 da revista “O Dez” para tocar varios temas máis vencellados co fútbol e co vivido por el. Coma sempre, gabou o traballo dos porteiros da canteira e citou a Rubén e a Iván Villar, lembrou os seus inicios, onde inda se podía coller o balón coa man a pase dun compañeiro, e a evolución do posto. “Penso que non sobrevive o máis forte, senón o que mellor se adapta o medio”, expresaba o de Catoira, mentres viaxaba a horas e horas de traballo no xogo de pés.

Pero todo comezo ten un final. O de Sergio no fútbol chegou hai uns meses despois dun ano en branco por unha lesión de xeonllo que lle obrigou a pendurar as luvas. “Valorei que o meu corpo dixo ata aquí. Foi unha decisión dura, que tomei conxuntamente coa miña familia”, explica Álvarez.

Nese senso, cando se lle cuestiona sobre o día despois de decatarse que non ía xogar máis ó fútbol, Sergio confésase. “Inda se me pon a pel de galiña”, destaca antes de tragar saliva e voltar ó momento no que a lesión non avanza. “Podíamos restructurar de novo o xeonllo sen garantía de nada ou dicir ‘ata aquí’. E aí valoro que vou cumprir 35 anos en agosto, que outra operación sería un ano en branco", comenta. “Ó final tes que tomar unha decision que non queres porque a miña ilusión era xogar ata os 40”, recoñece.

Co tempo, as realidades afiánzanse. “Non sei se o estou asimilando, pero ves que os compañeiros comezaron hai 15 días e ti non estás aí como dende os 17 anos”, apunta. ¿E o que ten por diante?. “Na miña mente está seguir vencellado ó clube e estamos co papeleo”, informa. Porque Sergio é pasado, presente e futuro do Celta.

Contenido patrocinado

stats