A Guarda, plató para cinema 100 por cen galego
Remata a rodaxe do film “Rondallas” en diferentes localizacións da comarca, desde Vigo ao río Miño
“Rondallas”, a nova película do realizador Daniel Sánchez Arévalo, entra na fase final da filmación que se está a desenvolver desde finais de agosto en diferentes localizacións da área de Vigo, coa Guarda como epicentro. Ata alí desprazouse o conselleiro de Cultura, José López Campos, quen asistiu á gravación de varias das secuencias deste filme, subvencionado pola Xunta con 300.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes a Galicia.
O titular de Cultura, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, saudou e felicitou persoalmente o director de Rondallas e o seu produtor, Ramón Campos, polo avance dos traballos de filmación e por se rodear dun equipo técnico e artístico maioritariamente galego, deixando así constancia da “gran capacidade e calidade da nosa industria audiovisual”. Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas encabezan o reparto 100% galego da que é a sexta película de Sánchez Arévalo, quen asina tamén o guión. Nel figuran, así mesmo, outras coñecidas caras do cine e a televisión, como Carlos Blanco, Xosé A. Touriñan, Marta Larralde, Judith Fernández ou Fer Fraga.
Producida por Mister Fields and Friends, Bambú Producciones e Rondallas Movie AIE, esta longametraxe supón o regreso ao cinema do realizador e escritor Daniel Sánchez Arévalo tras os éxitos dos seus filmes “Azul oscuro casi negro”, “Primos” e “Diecisiete”, entre outros. Faino cunha comedia vitalista para todos os públicos, que conta como un pequeno pobo mariñeiro se une para recuperar a súa rondalla, tras dous anos de loito polo tráxico naufraxio dun dos seus pesqueiros. O obxectivo é competir nun concurso contra outras localidades veciñas, pero sobre todo comezar a mirar de novo cara a adiante con ilusión. Ademais da Guarda, Baiona, Oia, Tui e Vigo acolleron outras das localizacións de “Rondallas”, que conta tamén coa participación do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Movistar Plus+, RTVE e TVG.
Seis películas en seis meses
A contribución da Consellería de Cultura a esta filmación materialízase a través da liña de axudas para a atracción de rodaxes, cofinanciada pola Unión Europe. Na súa convocatoria de 2024, este fondo dotouse con 2.000.000 euros para impulsar a proxección de Galicia como plató de producións audiovisuais lideradas tanto por empresas de aquí como do resto de España e Europa. Ao tempo, garántese un gasto mínimo no territorio galego por cada proxecto, 1.000.000 de euros no caso das produtoras galegas e en 1.500.000 euros no das foráneas. Son xa seis as rodaxes que asume a industria audiovisual galega con financiamento da Xunta, como Romería, a nova película da directora catalá Carla Simón.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último