A cultura do MUMI borra fronteiras

A eurocidade Valença-Tui acolleron en catro días a máis de 60 programadores e 20 artistas a ambas beiras do Miño

Publicado: 24 sep 2023 - 04:00 Actualizado: 25 sep 2023 - 09:36
Un momento da edición do MUMI que se celebró esta fin de semana entre Tui e Valença.
Un momento da edición do MUMI que se celebró esta fin de semana entre Tui e Valença.

A cuarta edición do MUMIrematou “coa certeza de ter colocado novos e importantes chanzos no seu obxectivo de tender unha ponte entre as músicas de Galiza e Portugal abrindo o camiño da internacionalización para ambos territorios”, apuntaron dende a organización. O mercado da lusofonía e a conexión con outros territorios do Estado a través da colaboración iniciada este ano coa prestixiosa Fira Mediterrània de Manresa debuxan para o MUMI “un horizonte ilusionante para artistas e programadores que atopan na feira oportunidades e contactos para vender as súas propostas”.

Máis de 60 programadores participaron nas roldas de speedmeetings que se sucederon ao longo do venres e o sábado na Zona PRO instalada na Escola superior de Ciencias Empresariais de Valença. Aínda é cedo para calcular o volumen de negocio das transaccións e sinerxías creadas durante esta edición, pero a sensación xeral dos axentes musicais é moi positiva. Ánxela Vila, da organización do MUMI en Galiza explica que “as bandas e artistas conseguiron captar o interese de moitas programadoras e programadores que se achegaron a pedir contactos e axendar reunións tralos showcases. Hai concertos pechados e cremos que nos próximos meses se van pechar moitos máis; ademais vemos que se está creando unha rede de traballo, uns vínculos entre os sector dentro de Galiza e con Portugal que antes non existían e que se van fortalecendo en cada edición”.

O MUMI presentou nesta edición unha selección de 20 bandas e artistas onde estiveron representadas as músicas tradicionais, o rock, a electrónica, o jazz, as músicas urbanas, o indie-pop ou a canción de autoría. Dentro da sección de showcases presentaron os seus directos a Antía Muíño, Mondra, Anxo Araújo, Diego Alonso 5tet, Habelas Hainas, Lontreira, Moura, Xurxo Fernándes, Aníbal Zola, Expresso Transatlântico , María Monda, Maze, Retimbrar, Virgem Suta. Amais outras artistas participaron activamente noutras seccións.

O Espazo Loja,outra das novidades desta edición, conseguiu abrir unha nova liña de traballo dirixida á promoción e venda física de producións editoriais e discográficas da industria galega e portuguesa. O MUMI está apoiado pola Eurocidade Tui-Valença, a Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Fundação GDA e Bodegas Martín Códax.

Contenido patrocinado

stats