Vintecinco anos despois, Reuven Rivlin

Vintecinco anos despois, Reuven Rivlin

Corría o ano das milagres, o inesquecible 1992, o ano dos Xogos Olímpicos de Barcelona, da Exposición Universal de Sevilla, do quinto centenario do descubrimento de América e dunha cuarta efeméride máis, efeméride esta que en contraposición da grande carga positiva das tres citadas, esta cuarta conmemoración foi un amargo recordatorio dun dos máis negros episodios da longa historia de España. Sucedeu no ano 1492 de infausta lembranza para a comunidade xudía por ser este o tempo no que os Reis Católicos decretaron o seu edicto de expulsión dos xudeus das terras dos seus reinos. 
Cinco séculos despois o daquela presidente do Estado de Israel, Chaim Herzog viaxou a España, a nunca esquecida terra de Sefarad,  en visita de Estado.  Había só 6 anos do establecemento de relacións diplomáticas entre España e Israel sendo os xefes de goberno respectivos Felipe González e Shimón Peres. Ao longo dos 31 anos de diplomacia directa entre Madrid e Xerusalén, as relacións foron boas aínda que manifestamente mellorables. Moitas tomas de posición de España na política internacional non axudaron, máis ben ao contrario, á mellora da confianza e ao estreitamento das relacións hispano-israelís. 
Agora, 31 anos despois da sinatura de intercambio de Embaixadas e 25 anos despois da ate hoxe única visita de Estado dun presidente de Israel a España, a recente viaxe do actual presidente Reuven Rivlin ven a confirmar a mellora e afortalamento das relacións España-Israel. Avance moi notable en todos os eidos: económico, cultural, turístico, de seguridade, etc... pero aínda con moita marxe de mellora. Lembremos que desde o establecemento de relacións diplomáticas en 1986 entre Madrid e Xerusalén, tanto Felipe González, coma José María Aznar e José Luís Rodríguez Zapatero viaxaron en visita oficial a Israel. Faltando ate agora a desexable -e coido que necesaria- viaxe a Terra Santa de Mariano Rajoy. Viaxe esta que sen dúbida suporá un forte impulso ao estreitamento das relacións e amizade hispano-israelí. Porque non esquezamos que para o pobo xudeu España sempre será a vella Sefarad, parte fulcral da súa longa viaxe pola historia.
Agardo e fago votos porque non teñamos que esperar outro cuarto de século para que un presidente israelí visite de novo España. Shalom presidente Rivlin.

(*) Presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI)