vigo

Rías Baixas desembarca en Madrid con “Somos historias”

Centos de persoas acudiron ao Teatro Rialto en Madrid para coñecer a oferta das Rías Baixas.
photo_camera Centos de persoas acudiron ao Teatro Rialto en Madrid para coñecer a oferta das Rías Baixas.

A campaña turística 2018 deixa a súa pegada no Teatro Rialto , na Gran Vía madrileña, ante máis dun cento de xornalistas, touroperadores e influencers

 A Deputación de Pontevedra congregou onte no Teatro Rialto, en plena Gran Vía madrileña, a centos de persoas que acudiron para coñecer, de primeira man, os atractivos turísticos da provincia de Pontevedra. Da man da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e do prestixioso xornalista pontevedrés, Xabier Fortes, un nutrido grupo de turoperadores, coñecidos xornalistas de medios nacionais xeneralistas e especializados, bloggers, influencers e instagramers, coñeceron as múltiples “historias” que ofrece este ano o destino Rías Baixas.
Carmela Silva presentou o destino “Pontevedra Provincia” a través de “Somos Historias, unha viaxe virtual e sensorial”, na que as imaxes, vídeos, música e degustacións gastronómicas cobraron especial protagonismo. Deste xeito, a campaña promocional lanzada pola Deputación neste 2018 con motivo do Ano Europeo do Patrimonio, desembarcou no Teatro Rialto acompañada da música de Najla Shami, de vídeos que amosan os eixos do patrimonio na provincia, e da degustación gastronómica de produtos como as volandeiras, os mexillóns, xurel, crema de grelo, lacón á feira, vapor de cocido galego, empanada, cañas de crema de mel, queixo con marmelo e bica, acompañados de viños da D.O. Rías Baixas.
A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que “vivimos unha época dourada no destino Rías Baixas. Pechamos 2017 con récord de visitantes e agardamos un 2018 espectacular”. Deste xeito, Carmela Silva fixo fincapé en que a provincia de Pontevedra “pode presumir da súa beleza desde xaneiro a decembro xa que contamos con múltiples atractivos turísticos, desde espazos naturais, ata castelos, xacementos arqueolóxicos, vilas termais, museos, xardíns, pazos, unha variada gastronomía, viñedos a carón do mar, grandes festas de interese turístico, ata varias rutas de peregrinación cara Compostela. Por iso queremos que todo o mundo a coñeza, apostando, como así nolo marca o Plan Estratéxico de Turismo, por un turismo sustentable, de calidade e durante todo o ano, en colaboración co sector privado”.
O primeiro dos vídeos que se proxectaron foi “Somos historias”, no que María Vinyals é o eixo argumental. Amais, deuse a coñecer o logotipo para a campaña deste ano, centrado no labirinto de Mogor. E, xunto ao patrimonio cultural, arqueolóxico e paisaxístico, presentáronse outras moitas historias relacionadas coas Rías Baixas e outro vídeo sobre o patrimonio natural. 

Te puede interesar