Xornal Escolar

Educación premia centros galegos pola formación do profesorado

O conselleiro e os responsables do CEIP Xosé Fernández López de O Porriño.
photo_camera O conselleiro e os responsables do CEIP Xosé Fernández López de O Porriño.

O conselleiro, Román Rodríguez, loou nestes galardóns a creatividade, a renovación e a temática dos itinerarios “á carta” deseñados polos docentes destes colexios e institutos, e que van servir de referencia para a comunidade educativa.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de galardoar sete centros escolares polos seus proxectos de formación do profesorado, que foron deseñados e implantados polos propios docentes no pasado curso. Trátase do CRA Ponte da Pedra (Carballo), do IES da Pobra do Caramiñal, o CPI As Mirandas (Ares), o IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada), o CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados), e os CEIP Xosé Fernández López e IES Pino Manso (ambos do Porriño).
Na súa intervención o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, destacou que a formación do profesorado é “un dos puntos cardinais da ensinanza” e xoga “un papel central” na calidade e na equidade do sistema. No caso de Galicia a formación dos docentes é unha das “fortalezas” do noso sistema educativo, sobre todo, –abondou o conselleiro–, pola aposta do Goberno galego “por manter e impulsar o papel da aprendizaxe permanente nos anos máis duros da crise”.
Román Rodríguez lembrou que tanto os datos reflectidos no ultimo informe PISA, que sitúan a Galicia nun lugar destacado no conxunto dos sistemas educativos, como a redución en máis de dez puntos da taxa de abandono educativo temperá –ata o 15,2% non son froito da casualidade, senón do traballo dos profesores, dos equipos directivos e das familias.
En referencia aos premiados, o conselleiro loou o traballo levado a cabo polos docentes dos sete centros presentes por deseñar “itinerarios á carta” en función do seu proxecto educativo e necesidades, convertendo aos centros “en organizacións capaces de aprender, crear e transferir coñecemento”. Segundo dixo, os traballos galardoados son “un modelo a seguir” e un “referente” para toda a comunidade educativa, pola súa creatividade e renovación, así como polas temáticas tan diversas como a intelixencia emocional, o fomento da convivencia, a aprendizaxe cooperativa, entre outras.
A través da Rede de Formación do Profesorado impulsada pola Consellería, o ano pasado organizáronse máis de 2.200 actividades formativas, cunha participación de máis de 20.000 docentes (o 60% do total); e a día de hoxe catro de cada dez centros escolares contan cun plan de formación propio. 
Na provincia de Pontevedra foron tres os proxectos escollidos, entre eles o CEP Antonio Magariños Pastoriza (en Cambados), polo labor desenvolvido sobre Educación Emocional e Educación Responsable; O IES Pino Manso (en O Porriño), foi galardoado por un proxecto de inclusión do alumnado con metodoloxías activas e recursos TICs e o CEIP Xosé Fernández López, cun proxecto centrado na expresión plástica.

Te puede interesar