traiñeiras liga act

Cuestión de aferrarse

20180715175839695
photo_camera Tirán Pereira, nun instante da regata de onte en augas de Castro Urdiales.

Tirán superou no último rego a San Juan para ser penúltima na regata de Castro Urdiales, que gañou Urdaibai

Tirán Pereira tivo capacidade de loita para evitar ser último. Por primeira vez na tempada, gañoulle un man a man a San Juan, pero a permanencia é cada regata máis complicada porque Kaiku confirmou a súa melloría e asinou unha sexta posición que deixa ó equipo moañés a dez puntos da permanencia e a nove do posto de 'play-off' de descenso, que agora ocupa a embarcación de Pasaia.
Os remeiros de Benjamín Vázquez 'Benji' asinaron onte unha boa regata nunha rúa mala, probablemente a peor do campo de regatas de Castro Urdiales porque era a máis exposta ó vento e a que menos deixaba empopar no último longo, xa que entraban as ondas de xeito lateral ás embarcacións. 
Aínda así, foi nestre rego, no definitivo, no que a "Mar do Con" asinou o seu mellor treito da xornada. Chegou á terceira baliza proa a proa con San Juan e cara a praia de Brazomar escolleu mellor en cada onda para superar á embarcación de Pasaia e evitar a última posición na regata. É un feito que Tirán Pereira mellorou este fin de semana en relación ás dúas regatas da Coruña, pero tamén o é que tras as dúas probas está máis lonxe dunha posible permanencia. Os moañeses deberán loitar moito o que queda de tempada para ter opcións de continuar na Liga ACT, unha posibilidade que a día de hoxe está moi complicada. 
Na quenda inicial de onte mandou San Pedro durante os dous primeiros longos, pero no terceiro comezou a remontar Kaiku. Por detrás loitaban Tirán e San Juan. O barco de Sestao gañou a manga e serviulle para ser sexto. Un resultado notable que lle permite subir á décima posición da táboa.
O barco dirixido por José Luis Korta comezou o curso ó nivel de Tirán, pero uns cantos cambios despois e o regreso de remeiros ilustres permitiron subir un nivel ó barco vasco. E isto son malas novas para Tirán Pereira. 
Na loita polo triunfo, viviuse unha xornada habitual con vitoria de Urdaibai. Comezou por diante Hondarribia ata que no segundo longo puxo unha velocidade máis o líder da competición para obter unha nova vitoria incontestable. Nesta ocasión con dez segundos de renda sobre Hondarria e Orio, que viviron un fermoso man a man. 
O actual campión e líder tiña onte nas súas tostas a tres galegos: David Iglesias, David Alfaya e Sebas Acervi. Sumaron un triunfo nunha "Bou Bizkaia" que acumula cinco bandeiras de seis posibles.n

Te puede interesar