TERCEIRA DIVISIóN

Unha derrota con xustiza

O Cultural Areas padeceu unha derrota no encontro de onte ante o Pontevedra.
photo_camera O Cultural Areas padeceu unha derrota no encontro de onte ante o Pontevedra.

O Pontevedra avasalou ó Cultural Areas na primeira metade e o equipo de Fonsi Valverde segue en descenso

Dous goles na primeira metade pero puideron ser moitos máis. O Pontevedra tomou un novo aire trala saída do equipo de Manu Fernández e, na xornada de onte, realizou un dos seus mellores partidos do curso ante un Cultural Areas que sufriu moito, especialmente na primeira metade.
Este tramo de partido estivo marcado polo dominio visitante e as paradas de Hortal ata que, pasada a media hora de xogo, Carnero aproveitou un rexeito no área para darse a volta e, desequilibrado, enviar o esférico ó fondo da portería local.
Aínda antes do intermedio chegou o segundo tanto que volveu a levar a sinatura do dianteiro granate. Nesta ocasión, Carnero conectou un potente puntapé dende a frontal do área e Hortal, acertado ata ese instante, calculou mal e o esférico pasoulle por debaixo do corpo. Mala sorte para o gardameta local pero o Pontevedra tiña unha renda acorde ó fútbol que realizou durante toda a primeira metade. 
Xa no segundo tempo, o equipo dirixido onte polo ex céltico Milo Abelleira anotou o terceiro tanto do encontro nun saque de curruncho que cabeceou Campillo no segundo pau libre de marcaxe. Con este tanto, que chegou no quinto minuto da reanudación, o equipo granate resolveu o enfrontamento da Lomba.
Pola súa banda, o Areas tentou reaccionar e anotou o seu tanto por medio de Hugo, que conectou un puntapé que entrou preto da cruceta da portería defendida por Lloves. 
O Cultural Areas chegou ó área rival con frecuencia neste tramo de encontro, pero non logrou máis tantos e, coa cuarta derrota consecutiva, segue en zona de descenso un pouco máis alonxado da zona de permanencia.

A chegada de Luisito
Pola súa banda, o Pontevedra anunciou onte a contratación de Luisito como primeiro adestrador. Abelleira regresa ás labores de dirección deportiva.

Cultural Areas: 
Hortal, Damián (Hugo, min. 46), Marcos, Costas, Cañi, Ramos, Buba, Alberto, Cuadrado, José Arenas (Félix, min. 71), Manu Vilán (Couso, min. 46). 
Pontevedra:
Lloves, Campillo, Anxo, Pablo, Capi, Pedro, Benja (Luismi, min. 66), Kevin, Carnero, Mouriño (Tomás, min. 83), Jacobo (Iago, min. 87).
Goles:
0-1, min. 31: Carnero; 0-2, min. 39: Carnero; 0-3, min. 50: Campillo. 
Árbitro:
José Ángel Rodríguez Fernández. Amosou cartón amarelo a Cañi e Manu Vilán polo Areas e a Capi, Pedro e Mouriño polo Pontevedra.
Incidencias:
Partido correspondente a novena xornada no grupo I de Terceira División disputado no campo da Lomba ante, aproximadamente, 900 espectadores.

Te puede interesar