traiñeiras

"Cada ano é máis difícil"

Jacobo Gayo celebra a vitoria e o ascenso do pasado domingo de Samertolameu en augas de Portugalete.
photo_camera Jacobo Gayo celebra a vitoria e o ascenso do pasado domingo de Samertolameu en augas de Portugalete.

Jacobo Gayo, que xa viviu en Samertolameu a tempada na ACT de 2009, explica que "agora o nivel é superior"

Dende o posto de patrón obsérvase o discorrer da traiñeira e o vogar dos remeiros. O único integrante dos catorce homes que sabe o rumbo exacto do bote. En definitiva, Jacobo Gayo será o encargado de guiar a Samertolameu tralo ascenso a ACT do pasado domingo. Dende a experiencia afirma que "nesta competición tes que intentar ter un equipo con máis xente e de nivel. Hai que tentar manter o bloque e reforzalo porque debes dispoñer de catro ou cinco cambios que non baixen o nivel do barco. Se non o consegues, tes papeis para volver a descender".
Gayo é un dos poucos que estiveron no primeiro ascenso da traiñeira de Meira. E, xunto a Francisco Costa a Gonzalo Santomé e José Luis Macey, un dos que aguantaron na travesía do deserto que sufriu a entidade moañesa dende aquela tempada que rematou cun descenso. "Estes anos foron de dificultade, momentos duros e de andar mal. Tentamos subir, e son etapas que tes que pasar cando baixas. Dende 2010, ano no que regresamos á Liga Galega, pasaron varios adestradores e un montón de remeiros, ata que volveu a xente que logrou o ascenso. Ademais, chegaron máis formados, agora teñen experiencia", admite o patrón.
Non obstante, Gayo aproveita o pasado para facer cábalas sobre o futuro, que adiviña optimista. Entende que "A Terca" ten agora mellores remeiros e máis experiencia. Aínda que a Liga ACT require estar a un nivel excelso. 
"En 2009 tíñamos experiencia, pero non tanta como agora. Supoño que estaremos máis tempo na ACT, pero xa dependerá de se somos capaces de manter o bloque e dos reforzos que cheguen", indica o patrón que argumenta a súa exposición: "Agora na ACT hai moito nivel. Os equipos que están na zona baixa cada vez están máis xuntos. Cada 'play-off' que pasa é máis complicado ascender. Nós temos moito máis equipo que o ano pasado porque os catro que viñeron son moi bos e, ó final, de meterlle a Getaria e Zumaia doce segundos na Concha, metémoslle cinco ou seis segundos, que non é nada". 
Gayo confesa que "cando chegas a un 'play-off' e comprobas o ambiente que move, entra envidia. Levamos dende o 2006 tentando estar aí". Un ascenso que tamén recuperará sobre o mar a clásica rivalidade con Tirán Pereira: "Esperemos que si, que poidamos loitar  con Tirán, pero aínda non sabemos como vamos a estar nós, nin como estarán eles. O que fixo Tirán estes anos hai que recoñecer que foi impresionante. Estar do quinto cara arriba co nivel que ten a ACT é moi complicado. Igual que Cabo este ano, porque o nivel é altísimo".
Reflexións dende a popa de Samertolameu de Meira. Gayo pasou moitas regatas, trazou moitas viradas e sabe que "temos que traballar en mar aberto". O patrón pon a proa de Meira cara a ACT.n

Te puede interesar