Opinión

Un adeus ferrolán para José Luis Outeiriño

Coñecín a José Luis en Majadahonda, días de viño e rosas, cando Madrid era unha festa e os Stones (a sombra de “Naranjito”, longa, longa, pairando riba nosa) tocaran -7 e 9 de xullo do 82- no estadio Vicente Calderón. José Luis ía e viña de Madrid a Ourense, coidando do choio, que medraba imparable, abaixo, La Región, enriba, Manzaneda. Atento tamén a unha familia, grande, acolledora, en Calpisa, primeiro, logo en Las Cabañas. 
Eu vía naquel home, ciclista ocasional nos momentos escasos de lecer, os silencios que adoitan abeirar proxectos importantes. Daquela o mundo da comunicación, o seu, á penas agoiraba canto había de vir, mais Outeiriño, xornalista de raza cun apelido inseparable das prensas e da prensa, apuntaba cara a un futuro que tantas cousas ía mudar. E anda a facelo. Por iso forteceu, apuntalou un xornal como este, nidio exemplo de que a prensa do futuro, dese que xa é presente, será local (que non localista, outra cousa) ou non será. Á parte outros méritos, que xa están sendo enumerados polos medios de comunicación, de loito alá onde exista liberalidade (liberal, no senso cervantino, vale para xeneroso), eu quixera lembrar os días aqueles en que Ferrol tivera un xornal feito, non soamente escrito, en Ferrol. Chamábase “Ferrol Diario” e fora quen de competir, na parcela de Ferrol e bisbarra –duascentas mil almas daquela- co xornal da competencia, ás veces tamén da prepotencia. Pois ben, FD pasara por unha situación critica que non permitía que se imprimise nos talleres propios. Entón La Región, José Luis Outeiriño ao leme da operación, puxera o seu talante liberal a prol do colega ferido. De maneira que o material feito nunha cidade, daquela tan lonxana, facía cada día viaxe de ida e volta, Ferrol-Ourense-Ferrol par chegar, como novo do trinque aos fogares ferroláns. 
Débeda de gratitude, xa que logo, a que os ferroláns temos cun idealista da comunicación por máis que, espilido como era, José Luis Outeiriño acadase cotas certamente prácticas. Con el marcha un concepto dun xornalismo honorable, e por iso, moi eficaz. E na súa marcha lembro a Pepa Vila e Gus Outeiriño, que xa non están. E felizmente presentes, Jano, Coté e Óscar Outeiriño Vila.
 

Te puede interesar