Opinión

A esperanza da gloria de Deus

Hai un antes e un despois na nosa vida cando Cristo se cruza nela. Esta experiencia, tan patente nos conversos como San Paulo, a nós pódenos parecer afastada e estraña. Tantas veces expomos a nosa vida cristiá sen grandes decisións e sen grandes sobresaltos, con pasos cara adiante e cara atrás. Con todo, tamén nós necesitamos unha motivación sólida, un fundamento firme para a nosa esperanza.  E nisto non somos distintos dos conversos: a pedra angular da nosa esperanza é a mesma, Cristo Xesús, que nos puxo en paz con Deus (Cf.  Rom 5, 1 - 11).

 O tempo de Advento sitúanos con forza na senda da esperanza cristiá. A palabra Advento procede do latín adventus, que significa vinda: a vinda inminente de algo ou alguén que está para chegar e que, ademais, esperamos ardentemente.

O Advento é tempo de esperanza  gozosa de que a salvación xa realizada en Cristo (Cf. Rom 8, 24-25) chegue á súa madurez e plenitude. 

Convídovos a todos a vivir este tempo de esperanza. E fágoo lembrando aqueles consellos que nos dá o Papa Francisco na súa  exhortación apostólica Gaudete et exultate cando nos di que «a  santificación é un camiño comunitario, de dous en dous» (G. E., 141). Precisamos achegarnos aos nosos irmáns para avivar a nosa fe, sentir a súa proximidade e o alento da súa esperanza. Hai signos fermosos das nosas tradicións do Advento que nos poden axudar a crear espazos de oración nas nosas casas e nos nosos lugares de reunión. Especial coidado habemos de poñer estes días nas nosas celebracións litúrxicas, avivando a súa dimensión comunitaria. O papa Francisco lémbranos que «a comunidade está chamada a crear ese espazo teologal no que se pode experimentar a presenza mística do Señor Resucitado. Compartir a Palabra e celebrar xuntos a Eucaristía fainos máis irmáns e vainos convertendo en comunidade santa e misioneira» (Ibid., 142).

Este camiño de esperanza no Advento percorrerémolo en catro semanas con catro domingos. Neles destacan de modo característico tres figuras bíblicas: o profeta Isaías, Xoán o Bautista e a Santísima Virxe, María de  Nazaret.

Ao longo destes catro domingos  podemos centrar a nosa celebración e a nosa oración naquelas dimensións do misterio cristián que pon de relevo o Evanxeo de cada un destes domingos.

1. Mc 13,33- 37: O Advento como signo da esperanza de Cristo, Salvador.

O Advento é un tempo litúrxico propicio para afondar na esperanza cristiá, sobre todo en íntima conexión co anuncio cristián da salvación. E a esa luz analizar a situación esencial do home, a situación  da que proveñen todas as súas contradicións e as súas esperanzas. O Evanxeo non é só unha comunicación de cousas que se poden saber, senón unha comunicación que comporta feitos e cambia a vida. Quen ten esperanza vive doutra maneira, ten a vida nova, a vida que salva.

2. Mc 1,1- 8: O Advento como chamada á conversión da vida e da fe de cada cristián que se prepara para recibir a chegada de Cristo.

A vinda de Deus en Cristo esixe conversión continua. A novidade do Evanxeo é unha luz que reclama un pronto e decidido espertar do sono (Cfr.  Rom 13, 11 - 14). O tempo de Advento é unha chamada á conversión en orde a preparar os camiños do Señor e a acoller a Aquel que vén. O Papa Francisco lémbranolo cando di que “a vida cristiá é un combate permanente. Requírese forza e valentía para resistir as tentacións do diaño e anunciar o Evanxeo” (Ibid.,158).

3.Xn 1,6- 8. 19- 28: O Advento como anuncio de Cristo; como Xoán o Bautista, cada cristián está chamado a anunciar a vinda de Xesús.

Xoán o Bautista é o último dos profetas e encarna perfectamente o espírito do Advento. Como precursor do Mesías ten a misión de preparar os camiños do Señor (Cf.  Is 40, 3), de anunciar a Israel o “coñecemento da salvación“ (Cf.  Lc 1, 77 - 78) e, sobre todo, de sinalar a Cristo xa presente no medio do seu pobo. Esta misión de Xoán o Bautista é a que o Papa Francisco nos pide continuar: “Soño cunha opción misioneira capaz de transformalo todo” (Ibid., 27).

4. Lc 1,26- 38: O Advento como signo de ledicia.

A Anunciación de María acontece no contexto da máis doce ledicia: “Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo” (Lc 1, 28). É a alegría do Pai que abre o seu corazón cheo de amor para procrear o Verbo. Desde aquí pódense entender mellor as contundentes palabras do Papa Francisco: “A alegría do Evanxeo enche o corazón e a vida enteira dos que se atopan con Xesús. Quen se deixan salvar por El son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento” (E. G., 1).

María, corazón do Advento.

O Advento é o tempo litúrxico no que se pon felizmente de relevo a relación e a cooperación de María no misterio da Redención. Iso brota desde dentro da celebración mesma, especialmente na Solemnidade da Inmaculada Concepción, que non é unha paréntese ou unha ruptura da unidade deste tempo litúrxico. María Inmaculada é o prototipo da humanidade  redimida, o froito máis espléndido da vinda redentora de Cristo. Como canta o prefacio desta festa, Deus quixo que ela fose o comezo e imaxe da Igrexa, esposa de Cristo chea de mocidade e de limpa fermosura.

Que María de  Nazaret ilumine e bendiga este camiño de Advento que xuntos comezamos e celebraremos.

Feliz Advento para todos.

* Obispo de Tui-Vigo.
 

Te puede interesar