Opinión

O CONCELLO PARA PRÍNCIPE. PERO ESTÁ O MARCO

Cando aos contertulios nosos dalles por saber cousas, -máis ben feitos-, de Vigo que tiñan obriga de saber antes, tórnanse pesadiños. E o peor é que eliximos a don Verísimo que ?en serio- é un sabio para botar man del e que nos explique o que precisamos.


E el acepta ? a ver- e ordéame -outro a ver-, que recolla a súa lección para entregala aos demáis. Un presabio pedíulle por favor que explicase se houbo moitos edificios como concellos. Antes do de hoxe, clariño. E zás; aí estou eu copiando o que fala don Veri.


Xa saben que o concello de Vigo non estivo sempre onde está agora coa súa torre. Puido estar na Alameda, onde Correos. Pero no callou a cousa. O máis acollido con agrado foi o que parou na Praza da Constitución -onde hoxe está a Casa da Cultura-, e antes: por aqueles mesmos lugares históricos.


O que non saben moitos é que por un pouquiño -só porque houbo unha guerra civil de tres anos-, non está agora na rúa do Príncipe, antes de Galán, o militar fusilado antes do 'Glorioso Alzamento'. (Glorioso? Se comparamos efectos materiais: a onde imos?).


No ano 1935, sendo alcalde don Emilio Salgado, a sesión do Pleno Municipal do 22 de Novembro acordou anunciar ao público un concurso de proxectos, entre arquitectos ?españois que daquela tamén os había bos- , para habilitar o Palacio de Xustiza, (hoxe MARCO) e Cuartel ?que tamén era?, sito na rúa Galán (outro militar fusilado antes), e hoxe, Príncipe, para instalar nel o Concello de Vigo con tódalas dependencias. O presuposto era unha cifra alta para entón, 1.200.000 pesetas.


Entre outras cousas esixíanse espacios para a Policía Municipal, garaxe, cocheras, cuadras para os cabalos de Pompas Fúnebres e Limpeza, farmacia e consulta médica e, en fin, tódalas oficinas e canto fixese falla máis adiante pois tería que ser unha obra de adaptacións moi axeitada aos tempos modernos e ampliable.


Podíase estender pola banda de atrás, ata a rúa de María Berdiales e podíase botar unha ou dúas prantas enriba se fose preciso.


O concurso de proxectos tiña dous premios dotados de tres e dúas mil pesetas para primeiro e segundo, respectivamente e non podía quedar deserto.


A cousa, por unha nimiedade temporal, ironizou don Verísimo , non quedou en nada. Despois empezou o Alzamento Glorioso. Tivemos sorte? O Concello non se instalou aí. Pero está o Marco, para orgullo noso, engado eu).


Te puede interesar