Opinión

A revolución non se fai da noite pra mañá

Un vello e benquerido amigo -non tan vello coma min, pero ó que xa lle vai chegando- envíame un wasap que lles transmito a vostedes, meus sufridos lectores; di así: "Xa somos coma todo aquilo contra o que loitamos". Non lles sei. A min recórdame aquel outro aforismo que indica que aquel que ós vinte anos non é de esquerdas non ten corazón e que, se chegados os corenta, non é de dereitas o que non ten é cabeciña. Escusamos facer estatísticas de canto rapaz reaccionario campa polo país, democraticamente amparado, e de canto vello revoltado agacha a súa condición por ese mesmo país que ven sendo o noso. As cousas non lles son tan simples, coido eu.

Ós meus vinte anos a obtención dun pasaporte podía comportar meses de trámites, innúmeras visitas á comisaría de policía e inútiles os razoamentos de que eras mariño e tiñas que subir a bordo en Tanxer. Daquela a militancia partidaria estaba proscrita, agás no partido único e gobernante e ver unha teta nun cine un espectáculo gobernado por unha man luciferina, entre outras cousas. Daquela non facía falla ser de esquerdas, abondaba con ser demócrata, con desexar a democracia, nin preciso era loitar por ela. Hoxe en día comentarios coma os que, os mesmos meus sufridos lectores leron hai unhas cantas liñas, antollaranse a máis de un impropias e desaxustadas cousas de vellos, batalliñas contadas con tal de enredar un pouco. 

Entón, somos xa todo aquilo contra o que loitamos? Teño pra min que, baixo ningún concepto, somos iso que o meu vello e querido amigo nos sinala. Reformar, a modo, si, a modo, a Constitución do 78, introducindo nela emendas que, pra comezar, neutralicen a partitocracia que nos envolve e tolle; de seguido evitar a submisión, a obediencia cega e acrítica dos deputados ós seus secretarios xerais, substituíndoa pola obediencia ó mandato dos electores de xeito que sexan, estes e non aqueles, quen decidan quen ha gobernar non é non loitar contra o que sempre se loitou.

Vivimos, si, nunha democracia; tan democracia é que é perfectible e que o seu perfeccionamento está ó acado dos mesmos que a viven e que saben, por elo, que, a estas alturas das súas vidas, das nosas vidas, as cousas non se arranxan da noite pra mañá; que non abonda con entrar n'A Habana, a primeiros de xaneiro, liberándoa dun ditador corrupto, nin con acabar con Ceaucescu á volta dun par de días pra botar embaixo outro ditador de sentido e afáns contrarios ó anterior. Quen di ditaduras, dun e doutro signo, di monarquías e repúblicas, sabendo que calquera das dúas pode agachar democracias e ditaduras de calquera signo que se nos antolle. Non somos, pois, todo aquilo contra o que loitamos senón que somos os mesmos, pero dotados de maior serenidade, se acaso, de algo máis da experiencia, tamén se acaso, e dos coñecementos, a cautela e maila prudencia coas que vida nos foi fornecendo a cabeciña.

Te puede interesar